O PP de Monforte insiste en medidas para restablecer os servizos ferroviarios

O Grupo Municipal do PP de Monforte solicita un pleno extraordinario para debater sobre o restablecemento dos servizos ferroviarios na zona sur da provincia de Lugo que foron reducidos "tomando a pandemia como escusa."

Ferrocarril Monforte PP / PP Provincial

A portavoz popular, Katy Varela, di que “agardar ata o pleno de finais do mes de setembro sería un erro porque serían irreversibles os prexuízos ao turismo de Monforte e de todo o sur da provincia de Lugo. Unha vez restablecida a nova normalidade e en plena época estival a estación monfortina só conta co 20% das liñas operativas”. 

Varela insiste en denunciar, a este respecto, o “desinterese” que demostra o alcalde, o socialista José Tomé, por defender os servizos de transporte público de calidade para os nosos veciños e visitantes. É máis, “é cómplice do agravio e a discriminación á que o Goberno central somete ao sur da provincia en materia ferroviaria” ao consentir “o deterioro e a merma dos servizos”.

“O que lle reclamamos ao rexedor, como representante dos monfortinos, é a súa implicación na defensa destes servizos”; pero “está claro que frear o desmantelamento do ferrocarril, con todo o que supón para esta cidade e para a provincia, non é un asunto prioritario para Tomé. E vendo o seu rexeitamento a abordar esta moción no pleno de xullo vímonos na obriga de solicitar un pleno con carácter extraordinario”.

A solicitude require o respaldo da cuarta parte dos concelleiros da corporación e, para iso, conta tamén co apoio do concelleiro de Esperta Monforte, Germán Vázquez.

Proposta popular en defensa dos servizos ferroviarios en Monforte

Un dos obxectivos da proposta popular sobre o ferrocarril é, por un lado, demandar o restablecemento inmediato de todos os servizos de tren que foron suprimidos, nomeadamente, a restitución e mesmo ampliación de frecuencias entre Lugo-Monforte-Ourense e con outros puntos de España como Madrid e Barcelona, entre outros. Na mesma moción solicítase o incremento do cadro de persoal de maquinistas e dotar do persoal necesario os servizos ferroviarios que se prestan nestas liñas co obxectivo de ofrecer un transporte de tren de calidade aos usuarios.

A portavoz popular recorda que a moción presentada polo seu grupo intenta conseguir que o Concello de Monforte, en pleno, exprese a súa rotunda esixencia ao Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana para que non utilice a situación derivada da covid-19 como escusa para incidir na discriminación ferroviaria da zona sur da provincia de Lugo.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here