Folgoso do Courel pedirá que a Deputación axilice a construción da residencia

A alcaldesa lembra que o concello cumpriu a súa obriga de ceder a parcela e agora está nas mans do ente provincial impulsar o proxecto asumindo, ademais da súa achega económica, a licitación, adxudicación e xestión dos contratos de obra e servizos.

Terreos para construír a residencia. Foto: Prensa de Folgoso do Courel

O Concello de Folgoso do Courel aprobou por unanimidade unha iniciativa do grupo do Goberno local para instar á Deputación de Lugo a que presente na maior brevidade posible o proxecto da residencia e centro de día da terceira idade que está sendo modificado para adaptalo á normativa vixente e que licite canto antes as obras para continuar así co procedemento de cara á súa construción.

O convenio interadministrativo de cooperación entre a Deputación de Lugo e o Concello para a construción da residencia e centro de día da terceira idade no Concello de Folgoso de Courel estima o investimento total necesario en 1,4 millóns de euros dos que a Deputación Provincial aportará 1,2 millóns e o Concello de Folgoso do Courel 200.000 euros. Como compromisos engadidos, o ente provincial encargarase tamén de licitar, adxudicar e xestionar os contratos de obra e servizos, mentres que o concello adquirirá os terreos necesarios para a construción da residencia e do centro de día.

Segundo palabras da alcaldesa, Lola Castro, “o Concello de Folgoso do Courel cumpriu a súa obriga de ceder a parcela á Deputación que foi elevada a escritura pública o 10 de decembro de 2019”. Ao día seguinte foi solicitada a prórroga ao convenio que remataba nese ano que foi prorrogado ata o 31 de decembro do 2021 coa sinatura da prórroga da addenda ao convenio.

A rexedora local agarda que o presidente da Deputación cumpra o seu compromiso de seguir adiante coa construción da residencia e centro de día no Concello de Folgoso do Courel, tal e como lle manifestara nunha reunión celebrada o 18 de xuño deste ano, e lembra que o compromiso inicial vén do Goberno de Elena Candia.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here