“Un orzamento municipal para promocionar ao alcalde,” din os populares de Monforte

Os populares critican que as contas do Concello monfortino para o próximo exercicio non recollan unha baixada da presión tributaria, "nun momento en que os cidadáns teñen moitas dificultades e a economía municipal reúne as condicións para elo."

pleno Monforte / XdL

O goberno municipal presenta un proxecto orzamentario para o próximo exercicio que totaliza 14.892.353 euros, o que supón un incremento do 9,4% con respecto ao do ano en curso. En opinión da portavoz do grupo popular, Katy Varela, son uns orzamentos que saen caros aos cidadáns, pouco claros e que reflicten que o goberno presidido polo socialista José Tomé carece de proxecto para o municipio e dun plan de futuro. Varela di: “Ao alcalde cústalle dicir o que vai facer co diñeiro dos monfortinos; non sabemos se é porque non o sabe ou porque non quere”. Os populares adiantan que votarán en contra do proxecto orzamentario que presenta o goberno local.

A portavoz dos populares lamenta que o equipo de goberno consigne “partidas de gasto xenéricas, sen detallar os seus plans; non nos gusta a falta de concreción nas partidas que teñen que ver con inversións”.

Unha das críticas dos populares ao proxecto de orzamentos débese a que “a carga impositiva non ten procedentes neste concello, e é imperdoable que sexa así na situación de recesión económica na que nos atopamos”. Varela explica que o goberno local prevé recadar “5 millóns de euros só polos impostos de circulación e de bens inmobles”. 

No PP indican que ”a suma total de impostos directos aos cidadáns supera os oito millóns de euros, pero ¿para que? Para pavimentos e parques? Para obras que só lle interesan ao alcalde?”.  Consideran que o alcalde está lonxe da realidade que viven os seus cidadáns e parece non importarlle a situación que viven e as súas necesidades reais. Cren que deberían preverse exencións fiscais.

Varela di: “Monforte parece un xogo para o alcalde,  de maneira que recada os cartos dos monfortinos e gástaos naquilo que lle permite promocionarse”. Considera que “non se poden consentir partidas de só 100.000 € para fomento do emprego e 30.000 € exclusivamente de subvencións directas, coa crise económica e demográfica que vive Monforte”. 

Os populares destacan: “Non se entende que non reserve fondos para facer fronte ás circunstancia tan excepcionais que viven os cidadáns. E o máis grave, hoxe, que máis que nunca, pode permitirse as reducións fiscais non o fai; por que non rebaixa a presión fiscal para facilitar o movemento da economía local? É algo do que Tomé debe dar explicacións aos monfortinos”.

Igualmente, os populares critican que as subvencións previstas para o próximo exercicio sexan nominativas e non de concorrencia competitiva, “que é a maneira máis sensata e máis xusta de conceder subvencións.”

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here