O PP esíxelle a Tomé respectar o proxecto para ampliar o ancho da vía entre Paradela e Escairón

Membros do grupo provincial do PP visitan os tramos das estradas provinciais que unen Paradela e O Saviñao (LU-P-4201, LU-P-4205 e LU-P-5818), atendendo ás demandas dos veciños e dos alcaldes que, segundo afirman os populares, están moi descontentos por como o goberno da Deputación prevé o arranxo desta tramo viario.

PP estrada Paradela / PP provincial

Segundo o portavoz popular, Javier Castiñeira, a previsión do goberno de José Tomé para o arranxo desta vía minimiza o acordo pactado no anterior mandato polo entón presidente, o tamén socialista Darío campos, os concellos e a empresa eólica Enel, que depositou no seu día un aval de 330.000 euros para garantir que despois das obras que desenvolvía as vías quedaran en bo estado. “Era un acordo moito máis ambicioso, porque supoñía ampliación do ancho e redución de curvas”, como sinala Castiñeira e insiste, “Agora o presidente Tomé reduce considerablemente a intervención e, economicamente, queda só a parte da empresa Enel, con 330.000 euros, e reduce  a 213.000 euros a parte da Deputación, que segundo o citado acordo debía aproximarse ao millón de euros”.

Os populares consideran que “o presidente Tomé non respecta os compromisos adquiridos polo anterior goberno; ao contrario traizoa o pacto a tres bandas para mellorar  esas estradas”. Castiñeira di que a estas alturas “todo o mundo coñece o que dixo o presidente Tomé en sesión plenaria: el non ensanchará as estradas provinciais porque, segundo di, non hai poboación suficiente para xustificar esta inversión. Isto é algo co que estamos absolutamente en desacordo e así o dixemos claramente”.  Resalta que este tramo viario entre Paradela e Escairón, que é moi utilizado, que ten moito tráfico  e vertebra a zona suroeste da Ribeira Sacra, sendo  unha das entradas a esta comarca.

Lembra os populares, que nesta estrada existen varias cooperativas e soporta tamén o tráfico pesado derivado da actividade económica da zona, moi relacionada coa madeira e a gandaría. Conclúe Castiñeira: “Demandamos do presidente da Deputación que cambie as súas previsións e se acolla ao pacto establecido co se antecesor, Darío Campos, e que escoite as preocupacións e necesidades que expoñen os veciños e os alcaldes”.

O alcalde de Paradela, José Manuel Mato, destaca que o único tramo no que se levaron a cabo obras como as previstas agora pola Deputación, prodúcense numerosos accidentes, ata o punto de que algúns dos condutores de máis idade renuncian a circular por este tramo. “En todo caso, co ancho que se pretende deixar (cinco metros) xéranse situacións de risco, fai imposible que dos vehículos pesados se poidan cruzar con normalidade e dificúltase a actividade económica nunha ampla zona da provincia”, afirma Mato.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here