InicioPolíticaNéstor Rego reclama ao Goberno Central a reparación da N-120a ao seu...

Néstor Rego reclama ao Goberno Central a reparación da N-120a ao seu paso por Pantón

O deputado do BNG no Congreso dos Deputados reclama ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que cumpra o compromiso adquirido en 2019 en Consello de Ministros.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Néstor Rego, deputado polo BNG no Congreso, vén de rexistrar iniciativas na cámara baixa para que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana realice as actuacións precisas na N-120a ao seu paso polo Concello de Pantón para o seu arranxo e correcto mantemento.

A formación nacionalista reclama a limpeza da maleza, que diminúe a visión aos condutores, e que se leven a cabo as obras de reparación e acondicionamento do firme que se atopa nunha grave situación de deterioro.

“O actual estado da N-120a ao seu paso polo Concello de Pantón é de total abandono e cun mantemento practicamente inexistente a pesar de ser, esta estrada, a principal vía de comunicación para a veciñanza da localidade” explica o deputado do BNG. Esta estrada nacional consta de dous tramos principais: un que vai do Torrón, nos Peares, cara a capital da zona na vila do Castro de Ferreira; o outro tramo, comprende desde a capital do Concello até o límite xeográfico do municipio con Monforte, na parroquia de San Mamede de Mañente.

Nestes dous tramos non se veñen facendo os debidos traballos de mantemento e “deron como resultado un firme en mal estado e grande maleza que invade os carrís de circulación, ocultando os quitamedos e impedindo a visibilidade dos condutores”. Todo iso fai que se produzan numerosos accidentes polo que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ten que “garantir a seguranza viaria dos vehículos que circulan pola vía”, sinala Rego.

O Consello de Ministros fixo público en 2019 que se licitarían os contratos para a conservación e explotación de estradas do Estado na Galiza e “nos pregos incluíase a N-120a mais non se realizaron labores de mantemento ou mellora do firme nos últimos anos” lembra Rego.

IMPORTANTE VÍA DE ACCESO TAMÉN PARA VISITANTES

Outra das razóns polas que din os nacionalistas que é urxente a reparación e acondicionamento da N-120a é que “é a vía de acceso a moitos dos elementos do patrimonio histórico e natural da zona”.

Desde a Torre da Bastida, declarada como BIC, até as parroquias como a de San Vicente de Pombeiro e de Santo Estevo de Atán onde se atopan igrexas románicas declaradas como Ben de Interese Cultural. “Esta estrada leva ao empalme coa estrada provincial que leva á fervenza da Augacaída, un dos monumentos naturais máis visitados da Ribeira Sacra e que tamén está declarada como BIC, facendo parte do núcleo central da candidatura a patrimonio da humanidade” subliña Néstor Rego.

ÚLTIMAS

A A.V. do Saviñao pide aumentar as prazas de taxi

A Asociación Veciñal do Saviñao dirixiuse á Alcaldía do Saviñao coa finalidade de trasmitir...

Últimos días para coñecer a exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata o 30 deste mes...

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...