O 2021 foi un “annus horribilis” para Pantón, asegura o BNG

"Era ben que un rexedor que prioriza beirarrúas, parques e muros aos servizos básicos tivese a grandeza de defender o que fai e non disfrazalo nun novo intento de antroido político no que anuncia outra vez unha auga que teremos ou non, pero que xa nos prometeu e xurou tantas veces, e en diferentes citas electorais. O noso concello tivo diñeiro sempre e nunca a puxo, esa é a verdade incontestable," asegura Rosa Ana Prieto.

RosAna Prieto Florines, voceira BNG Pantón. Foto: R.P.

O concello de Pantón comezaba o ano facendo balance das actuacións desenvoltas no 2021, cuestións que desde o BNG de Pantón aseguran en carta a este medio, non compartir.

“As augas das traídas e os saneamentos no concello de Pantón, aínda non son unha realidade, teremos que vivir para velas, pero despois das iniciativas presentadas desde o 2017 polo BNG como non imos celebrar que chegue a auga?”, aseguran os nacionalistas, explicando que levan presentando iniciativas a diversas institucións ao respecto deste tema desde o ano 2017.

Por iso os nacionalistas consideran que se comeza o ano cun “anuncio vello a bombo e prato do rexedor pantonés que o día 30 de decembro 2021 negouse xunto con todos os concelleiros do PP, a votar a favor da auga e dos saneamentos das parroquias dos Castillós e do Mato, San Fiz e Espasantes redactando de novo a moción presentada polo bng e á que anunciara o voto favorable do PP tan só tres días antes na Comisión Informativa.”

Lembra a voceira nacionalista que por lei os municipios deben prestar servizos de: alumeado público, cemiterio, recollida de residuos, limpeza viaria, abastecemento domiciliario de auga potable, rede de sumidoiros, acceso aos núcleos de poboación e pavimentación das vías públicas; e pregúntanse cantas cousas destas faltan por facer na parroquias do concello. “É impresentábel e inadmisible o autobombo que se dá cando se dedica a gobernar para catro con actuacións que non traen beneficio algún á meirande parte da poboación, agás a aqueles que no seu círculo íntimo sen sometérense á elección nas urnas, mandan e deseñan este remexido de obras que nos ofrece como colofón a un annus horribilis para as nosas arcas municipais onde vostede fundiu ao redor de tres millóns de euros dos que máis dun millón proceden do recadado polo catastrazo,” sentencian os nacionalistas.

Segundo o BNG, as únicas obras de camiños que se fixeron no concello proveñen do Plan Único da Deputación e critican ao rexedor por non ter unha política cultural e “ter tumbado a marca do románico, ademais de poñer en perigo o valor mineiro-medicional de Augas Santas” e pídenlle que non derrame o patrimonio etnográfico que ten obriga de defender. “Xa que non escoita á oposición, escoite á xente que ademais de votantes tamén somos persoas”, conclúen os nacionalistas.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here