Olalla Rodil: “A Pobra do Brollón, un exemplo a seguir”

A parlamentaria do BNG recoñeceu, tras entrevistarse co alcalde Xosé Luis Maceda, que este concello está a facer un importante traballo ao priorizar a atención das necesidades da veciñanza e as políticas sociais.

Olalla Rodil con Xosé Luis Maceda. Foto: BNG

A xuntanza co alcalde da Pobra do Brollón tiña, entre outros motivos, coñecer a situación deste concello en relación á atención social das persoas maiores. Segundo Rodil o caso da Pobra do Brollón reflicte o que ocorre en moitos municipios do interior de Galiza por mor do desamparo ao que están sometidos véndose obrigados a asumir competencias que non lles son propias por que o goberno da Xunta non asume a súa responsabilidade na materia.

Xosé Luis Maceda, alcalde da Pobra do Brollón, sinala que “estamos ao borde do colapso en atención social por que os nosos recursos son limitados, a Xunta mira para outro lado e os problemas medran a medida que a xente maior do noso concello queda soa e desamparada, chegando a verdadeiras situacións límite”. Maceda insiste en que non teñen capacidade para poder atender a maiores e a dependentes nas súas casas e as residencias do sur de Lugo están saturadas. E o peor de todo, segundo el, son as dificultades para poder ingresar a persoas en situacións extremas.

Aproveitando este tema dos servizos asistenciais a maiores, Olalla Rodil anunciou que “o BNG defenderá que nos orzamentos da Xunta de 2019 se incrementen as partidas para política social e que se desenvolva un plan de equipamentos públicos que garanta prazas suficientes nas residencias de maiores”. Denunciou así mesmo que o goberno galego vende medidas improvisadas para saír do paso como o ‘Bono Autonomía’ cunha axuda que non chega aos 500 euros -totalmente insuficiente para poder pagar praza en residencias, centros que no caso so sur de Lugo custan de media uns 1.200 euros ao mes- interpretando ademais que ben se pode tratar dunha transferencia encuberta de fondos públicos a empresas privadas.

A Parlamentaria do BNG cifrou en 1.600 persoas as que están en listas de espera para acceder a residencias públicas e sinalou que “hai máis de 10.000 persoas que teñen recoñecida unha prestación por dependencia pero non a están recibindo”. Esta situación é especialmente grave no interior das provincias de Lugo e Ourense. E relacionado co anterior está o problema dos retrasos na tramitación das valoracións de dependencia. Estas valoracións están tardando, nalgúns caos, até un ano cando a lexislación actual fixa en 9 meses o tempo máximo.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here