Cando se mellorará o hospital de Monforte?

En Marea interésase, novamente, pola situación do Hospital Comarcal de Monforte e as previsións da Xunta para facer as melloras precisas en materia de persoal, material e infraestrutura.

Hospital Comarcal de Monforte/G.M.

En xaneiro deste ano, En Marea rexistra unha pregunta interesándose polo calendario da Xunta para realizar as melloras que, consideran, necesita o Hospital de Monforte. Segundo a formación política, a Xunta resposta o 24 do pasado mes de setembro, nos mesmos termos que o fixera o Conselleiro de Sanidade en decembro do pasado ano. Jesús Vázquez aseguraba que o Hospital de Monforte “conta co persoal necesario e está dimensionado en función da poboación que atende”. En Marea lamenta que desde entón, a Xunta continue sen dar datas concretas.

Neste tempo tivo lugar unha folga no Hospital comarcal de Monforte, convocada por CCOO, UGT, CIG e Sagap, á que En Marea deu o seu apoio. A folga que rematou a mediados de maio reclamaba, entre outras medidas, aumento da plantilla do Hospital, o fin das derivacións á privada, solucións ás longas listas de agarda e rematar coa mobilidade de persoal entre servizos. Como resultado da folga estableceuse un acordo de mínimos consistente no compromiso de non dar comisións de servizo aos médicos especialistas que collan praza dentro dunha oferta pública de emprego se non hai substituto/a, a estabilización de tres prazas de enfermaría, o contrato dunha praza de TCAE en quenda de mañá, así como o reforzo dunha praza de celador para os días de maior actividade asistencial.

Sen embargo desde En Marea consideran que hai outras melloras necesarias que seguen sen antenderse como a falta de especialistas en radioloxía, dixestivo, neuroloxía ou cardioloxía ou a situación do mobiliario e outras dotacións. Completan a reclamación de melloras sinalando que hai problemas derivados da dependencia da xestión de Lugo, e que as listas de agarda son maiores que as oficialmente recoñecidas polo SERGAS. Como exemplo sinalan pacientes que agardan máis dun ano por cita para resonancia considerada preferente ou para consulta de oftalmoloxía.

Nesta situación e despois de iniciativas anteriores nas que En Marea se interesou por este tema e non obtivo respostas claras, volve a presentar pregunta ante o Parlamento interesándose por cando se implementarán as melloras necesarias no Hospital, cales son as listas de agarda reais dos servizos, cando rematará a remodelación integral de instalacións e mobiliario ou cando se vai a adecuar o persoal do Hospital ao feito de que hai varias residencias da terceira idade que orixinan un aumento de ingresos de persoas con mobilidade reducida. Desde En Marea tamén queren saber cantas derivacións se fixeron á sanidade privada en cada especialidade desde o 2013 ou as derivacións de intervencións de ciruxía xeral feitas ao HULA, neste mesmo período.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here