O portavoz do BNG en Monforte Emilio Sánchez Iglesias será o candidato nacionalista á alcaldía

O BNG de Monforte de Lemos celebrou unha asemblea aberta este martes 30 de outubro, na que militantes e simpatizantes do BNG aprobaron por unanimidade que Emilio J. Sánchez Iglesias sexa o candidato á Alcaldía nas vindeiras eleccións municipais do ano 2019.

Millitantes do BNG co recén nomeado candidato en Monforte / BNG Lugo

Sánchez Iglesias, que vén exercendo como portavoz do grupo nacionalista en Monforte, agradeceu a confianza depositada e anunciou que vai traballar arreo ata a data dos comicios, perfilando o proxecto do BNG. “O BNG de Monforte é hoxe unha organización máis cohesionada ca nunca, renovada e ilusionada, na que todas e todos remamos nun mesmo sentido” explicou Sánchez Iglesias. O candidato nacionalista asegura que asume o nomeamento “con moita ilusión e responsabilidade”.

As prioridades do BNG como alternativa de goberno en Monforte serán, segundo Sánchez Iglesias, facer políticas para as persoas pensando nas súas necesidades; defender os servizos públicos de calidade, freando o desmantelamento ao que están sendo sometidos nos últimos anos; promover a rexeneración urbana e o impulso do rural monfortino.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here