A olería de Gundivós precisa una barreira tradicional?

Agroma Sober presenta ao Pleno do Concello unha moción para que todas as Administracións se impliquen na adquisición de terreos para o aprovisionamento de barro para a olería tradicional do Concello. A formación reclama tamén que se fomente o debate coa cidadanía para poder decidir que modelo de desenvolvemento turístico se quere para a comarca, poñendo en dúbida a idoneidade da anunciada tirolina entre Matacás e o Miradoiro do Duque.

Olería de Gundivós / NémesisAudiovisual

A olería tradicional de Gundivós é un elemento de identidade do concello de Sober e un recurso turístico moi importante no territorio Ribeira Sacra, que na actulialidade conta con dous representantes, Elías González e Tomás López. Segundo Agroma Sober é tamén un factor de desenvolvemento futuro do Concello, se se aposta pola súa continuidade. A este respecto aseguran que contar con barreiras no termo municipal significaría un avance no mantemento da calidade e características propias desta olería e un elemento de apoio por parte das Administracións a este oficio tradicional.

Tomás López oleiro / xn--festivaldovio-tkb.com

O barro para as pezas tradicionais da Gundivós ten características especiais, sendo dous os máis estimados para a fabricación das pezas: o “barro correúdo” e o “barro faragullán”.

Agroma Sober propón como “proxecto viable” que a Deputación adquira unha barreira co apoio do Concello e da Xunta e suxiren que sexa na zona de Santa Cruz, onde dín que hai bo barro. Consideran que contar cunha barreira é necesario para darlle continuidade e manter a esencia da olería tradicional de Gundivós, como acontece noutros territorios de tradición oleira como Niñodaguia, na Ribeira Sacra ourensá ou Buño; e lembran que xa houbera un proxecto de adquisición dunha barreira e se fixeran análises de terras, pero non se levou adiante.

Olería Niñodaguia / NémesisAudiovisual

Segundo Agroma Sober, usar barro do propio concello evitaría ter que recorrer a barros industriais, que conteñen aglutinantes, espesantes e endurecedores, polo que as pezas elaboradas con este tipo de barro deixarían de ser pezas aprezadas pola xente que entende e demanda olería tradicional. Lembran que a olería de Gundivós é un elemento fundamental para atraer turismo de calidade e respectuoso con medio e a cultura autóctona e que polo tanto debería de estar apoiada polas administracións, especialmente polo Concello.

Elías González oleiro / tonoarias.es

A tirolina sobre o Sil

Despois da análise dos orzamentos da Deputación para o 2019, Agroma Sober bota en falta un proxecto turístico global para a Ribeira Sacra. Nestes presupostos recóllense 300.000 euros para a anunciada tirolina entre Matacás e o Miradoiro do Duque, infraestrutura que dín, non responde ás necesidades básicas do sur lucense e “denota unha falta de proxecto global para a chamada Ribeira Sacra”.

Segundo Agroma Sober o territorio non precisa de máis proxectos illados sen estudos de viabilidade e con dúbidas sobre a súa idoneidade ambiental e paisaxística, así como sobre a súa compatibilidade co expediente para declarar BIC, na categoría de Paisaxe Cultural, as ribeiras de Sil e Miño. Lembran tamén que a Asociación Galega de Ornitoloxía ten alertado de que o proxecto de tirolina afecta a áreas de reprodución e alimentación de aves ameazadas. A demanda final é que se fomente o debate coa cidadanía para poder decidir conxuntamente que modelo de desenvolvemento turístico se quere.

Vistas miradoiro Matacás / meteolobios.es

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here