Esperta Monforte pídelle ao alcalde, que axilice a reunión con Xerencia de Lugo para abordar a situación do Hospital

A concelleira de Esperta Monforte, Maribel García, xustifica a súa ausencia na concentración do pasado martes e puntualiza que participaron membros e simpatizantes do partido.

Concentración Hospital de Monforte /PSOE provincial

Maribel García fai un balance positivo da concentración organizada o martes no Hospital Comarcal de Monforte contra o “desmantelamento da sanidade pública”. A concelleira de EspertaMonforte, relacionada de modo directo co Hospital Comarcal, asegura ser coñecedora de primeira man da situación do centro, “onde especialidades como endocrinoloxía, dermatoloxía ou alergoloxía soamente contan cun especialista, as listas de espera para probas básicas como unha resonancia ou revisión son longas e constátase a falta de persoal especializado, tal que celadores, enfermeiros e técnicos de laboratorio.”

Maribel García tamén manifesta o seu agradecemento ao alcalde, José Tomé por ter acudido á concentración e puntualiza, “aínda que agradecidos, temos que lembrarlle ó señor alcalde que non se esqueza de xestionar a reunión urxente co xerente de Lugo que solicitamos no último pleno municipal celebrado. Dende a nosa formación esperamos que o señor Tomé teña a mesma celeridade e presa en dar resposta á nosa petición ó igual que fixo para saír na foto da concentración”.

Por outra banda, EspertaMonforte está preparando a asemblea, para decidir o candidato á alcaldía das vindeiras eleccións de maio e os candidatos que o acompañarán.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here