Emilio J. Sánchez, “Eu tamén son Balbino, un rapaz de aldea”

Esta foi a frase final do candidato polo BNG á alcaldía de Monforte de Lemos no acto público de presentación que tivo lugar este venres 15 de febreiro. Ao remate do mesmo respondeu ás preguntas de Xornal de Lemos demostrando serenidade, ideas claras e ganas de traballar.

Emilio J. Sánchez na presentación como candidato á alcaldía de Monforte / XdL

O portavoz e concelleiro do BNG en Monforte, Emilio J. Sánchez,  foi presentado publicamente como candidato á alcaldía no Salón de actos do Centro Cívico da cidade do Cabe. No acto estivo arroupado por Ricardo Rodicio, responsable comarcal, Olalla Rodil, Deputada no Parlamento Galego, e Ana Pontón, Portavoz Nacional.

Nun salón de actos cheo de público, con xente de pe que non tiña sitio onde sentar, interviñeron por este orde, Ricardo Rodicio, Olalla Rodil, Ana Pontón e Emilio J. Sánchez. Os seus discursos centráronse en presentar ao candidato se ben Ana Pontón, portavoz nacional, aproveitou tamén a ocasión para lembrar que antes das eleccións municipais temos agora unhas xerais, o 28 de abril, e cómpre apoiar ao BNG para acadar representación en Madrid.

Aspecto do salón de actos do Centro Cívico do Malecón en Monforte / XdL

Xa en posesión da palabra Emilio J. Sánchez, con gran serenidade e cun discurso moi próximo, anticipou aos presentes o seu proxecto político para Monforte, proxecto que vai xirar en torno a tres eixos: unha cidade moderna e accesible, a mellora do tecido socioeconómico e uns servizos públicos e de calidade. Encamiñadas a estes puntos irán, dixo, “as propostas de goberno que reflectirán as amosadas nas reunións que estamos a manter con distintas asociacións e empresarios de todo o concello”. A continuación lembrou algúns dos principios do partido nacionalista que definirán tamén a acción de goberno: participación cidadá, transparencia, defensa da lingua e igualdade.

Dous dos momentos máis aplaudidos do discurso do candidato foron cando dixo “non vou falar de adversarios políticos ata o 26 de maio, a non ser por alusións; non vou perder o tempo porque o que toca e traballar, traballar e traballar”e tamén ao remate da súa intervención recoñecéndose na coñecida frase dunha da obras de Neira Vilas “Eu tamén son Balbino, un rapaz de aldea”.

Intervención de Ana Pontón, Portavoz Nacional / XdL

Despois do acto, aproveitamos para facerlle algunhas preguntas ao “alcaldable”.

Como se presentan as eleccións municipais para o BNG tras a crise do 2017?

Dentro da normalidade, xa que a crise quedou atrás, agora presentámonos con forza e cohesionados, traballando todos na mesma dirección, e como di o lema da campaña, coas ideas claras.

Pasará factura aquel abandono de catro concelleiros/as?

O tempo e as urnas o dirán, nós seguimos a traballar para confeccionar unha candidatura forte e traballadora.

Será doado confeccionar unha lista?

Estamos a traballar niso, será unha candidatura que abranga todos os ámbitos da cidadanía.

Todo apunta a que Tomé “recunque” como alcalde e incluso hai quen pensa que pode alcanzar a maioría absoluta. Que opina vostede?

De momento é moi cedo para opinar, dado que aínda non se sabe cantas candidaturas van a concorrer, o que temos claro e que nós estamos a traballar sen depender doutros.

A súa relación con Tomé dende a oposición non é de conflito como no caso doutros concelleiros/as. Iso é así porque non é o seu estilo ou porque non hai motivos para recorrer á belixerancia?

Eu teño unha boa relación persoal con todos os concelleiros e concelleiras da corporación. Politicamente nós marcamos unha liña de oposición responsable e positiva, que ás veces coinciden con uns e/ou con outros e ás veces posicións agresivas traen como resultado un enquistamento da resolución de problemas, e iso non é bo para a cidadanía.

Con que políticas do actual alcalde está de acordo e con cales en desacordo?

Somos conscientes de que moitas rúas precisaban arranxo, o mesmo que o cambio de lámpadas para un menor consumo, tamén foi un acerto o Festival do Viño, pero a acción de goberno de catro anos non pode quedar só niso. En desacordo diría con todo o que falta por facer a pesar de ser reclamado pola oposición e que non se levou a cabo, aínda que foi aprobado en pleno.

Ten solucións para o ‘despegue’ do Porto Seco, a fixación de poboación e a xeración de emprego?

Primeiramente o porto Seco depende directamente da Xunta de Galicia, que ten pendente o enlace coa N-120, e para esta infraestrutura será moi importante a rede de mercadorías ferroviarias. A creación de emprego, xunto cuns bos servizos públicos é a mellor fórmula para fixar poboación. No tocante ó emprego é importante apostar polo comercio local, poñer as ferramentas políticas precisas para dispor de futuras empresas, ademais de apostar dunha forma inequívoca e contundente polo sector primario.

Para rematar, que destacaría do carácter monfortino e que repudiaría?

Repudiar a pasividade que amosamos ante diferentes problemas que estamos a sufrir a miúdo, e destacar a capacidade de sobrelevar, con optimismo, a gran carga que supoñen os problemas cos que teñen que lidar a diario.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here