Por Chantada-CUP impulsará candidatura centrada no país do Faro para as municipais

Na asemblea anual que vén de celebrar Por Chantada-CUP decidiuse impulsar unha “candidatura plural e centrada no país do Faro”. Por outra banda PSOE e UUAA organizan este venres a partir das 17.00 na Casa Sindical de Chantada un acto informativo sobre a PAC e o futuro do rural galego.

Asemblea Por Chantada-CUP / Por Chantada-CUP

Por Chantada-CUP apoia a decisión, segundo din, na crenza da unidade popular e “en resolver os nosos problemas desde aquí, coa forza de alternativas realistas pensadas desde e para o noso territorio e a nosa xente”. Apostan, aseguran, por un proxecto aberto a todas as persoas, impulsando a unidade e a suma de forzas, “sen máis subordinacións que a defensa dos intereses da maioría social”.

Segundo a formación política, Chantada afronta problemáticas profundas, como a crise demográfica, a precariedade e o desemprego, a necesidade de mantemento de infraestruturas e a urxencia de ter unha administración local eficaz, moderna e ao servizo dos colectivos sociais. Por Chantada-CUP considera necesario un cambio no goberno municipal para “rematar coa apatía, a parálise e a improvisación do actual goberno local”.

Lembran que as xuntanzas de Por Chantada-CUP son abertas á participación de todas as persoas que consideren necesario transformar o Concello “sen deixar a ninguén atrás”.

 A PAC E O FUTURO DO RURAL GALEGO

O ex conselleiro de Agricultura da Xunta de Galicia, Francisco Sineiro, dará unha conferencia este venres, 22 de febreiro, na Casa Sindical de Chantada. O acto, que leva por título “A PAC e o futuro do rural galego”, terá lugar a partir das 17.00 horas e nel participará tamén o Secretario Xeral de Unións Agrarias (UUAA), Roberto García, así como a voceira do PSOE chantadino e candidata á alcaldía nas vindeiras eleccións do 26 de Maio, Raquel López.

Con esta conferencia, as agrupacións locais do PSOE e de UUAA queren informar dos cambios que se aveciñan na Política Agraria Comunitaria e de como van influir nas explotacións agrogandeiras galegas e especialmente na comarca de Chantada.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here