Un “detective de imaxes” no IES A Pinguela

Fernando Pérez-González, Doutor Enxeñeiro de Telecomunicación e Catedrático de Universidade na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, vén de impartir no centro de ensino monfortino unha interesante conferencia titulada: "Detectives de imaxes: a ciencia forense de imaxes dixitais".

Fernando Pérez-González nun momento da conferencia. Foto: IES A Pinguela

O alumnado de 1º de Bacharelato e 4º ESO con Tics do IES A Pinguela tiveron a oportunidade de asistir a unha orixinal conferencia a cargo de Fernando Pérez-González, Doutor Enxeñeiro de Telecomunicación e Catedrático de Universidade na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Foi o primeiro director do centro tecnolóxico de telecomunicacións de Galicia (Gradiant) e é membro da Real Academia Galega de Ciencias.

Fernando Pérez-González / IES A Pinguela

Como ‘detective de imaxes’, o conferenciante achegou ao atento alumnado a “ciencia forense de imaxes dixitais”. Explicou, por exemplo, como a cámara dixital dun teléfono móbil ten unha pegada “coma nós nas xemas dos dedos”; que se pode saber o preciso instante no que un vídeo foi gravado analizando como varía a iluminación que capta; e tamén que se pode coñecer se unha imaxe foi manipulada empregando as matemáticas.

Fernando Pérez-González presentou tamén algunhas das ferramentas que desenvolven na súa investigación na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo que permiten facer de “detectives de imaxes”. Neste senso mostrou algúns divertidos exemplos de manipulación e como funciona o popular “Deepfake” co que se poden construír vídeos falsos con aparencia de verosímiles, e que están a facer os investigadores para poder detectalos.

Alumnado atento ás explicacións do conferenciante. Foto: IES A Pinguela

Algúns dos produtos que axudou a crear como investigador empréganse en moitos lugares do mundo, tendo recibido destacados premios e recoñecementos pola súa actividade investigadora e de emprendemento.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here