Nova Galega de Danza presenta, con Rosa Cedrón, “Leira” no Festival do Viño de Monforte

O Campo de San Antonio de Monforte acolle este sábado, 2 de xullo, ás 23h a representación de Leira, espectáculo de Nova Galega de Danza, a agrupación dirixida polo coreógrafo e bailarín ferrolán, Jaime Pablo Díaz e patrocinada por Vegalsa-Eroski. O espectáculo forma parte da programación do Festival do Viño da Ribeira Sacra e a entrada será de balde.

Leira / Xan Domínguez

Leira, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa de coproducións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) no Centro Coreográfico Galego, amosa unha exaltación da labor do campo por medio do corpo e da terra. Danza e música representan a agricultura tradicional galega e a dureza da mesma durante todas as estacións do ano, día e noite, baixo vento, chuvia ou xeada.

O corpo de danza de Leira, composto por catro bailaríns da compañía (Inés Vieites, Estefanía Gómez, Pablo Sánchez e Iván Villar), desenvolverá unha coreografía na que os artistas xogan cunha escenografía minimalista sobre un chan de terra, unha terra que remata sendo un protagonista máis da proposta escénica.

Nova Galega de Danza vén de ser recoñecida recentemente co Premio Max ao Mellor intérprete masculino de danza pola actuación de Iván Millar nesta peza, pola que a agrupación tamén fora nominada a Mellor Espectáculo de Danza. Este fito sitúa á compañía como a primeira de Galicia desta disciplina en ser galardonada en ámbito nacional por este certame promovido pola SGAE.

Ademais, neste ano Nova Galega de Danza obtivo o Premio da Cultura Galega na categoría de Artes Escénicas. Trátase dunha distinción outorgada pola Xunta de Galicia a aqueles axentes culturais destacados pola súa innovación e preservación da idiosincrasia galega.

A agrupación, creada en 2003, naceu coa vocación de innovar ao tempo que fusiona en vivo a danza e música de raíces galegas. Leira supón o sexto espectáculo de Nova Galega de Danza tras Son (2016), Dez (2013), Tradición (2008), Engado (2006) e Alento (2003). Á dirección de Jaime Pablo Díaz súmanse o compositor musical Sergio Moure e a intérprete musical, Rosa Cedrón.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here