Abril, mes central na celebración do XX aniversario da Asociación Camiños a Santiago  pola Ribeira Sacra

A Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra organiza neste mes de abril, os actos centrais da conmemoración do seu 20 aniversario, a próxima cita será na Feira Medieval de Monforte.

Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra / XdL

En xullo do 1999 publicábase no DOGA a resolución do 28 de abril dese mesmo ano pola que se inscribía a Asociación Cultural Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago. Durante todo este ano, a Asociación celebra o seu XX aniversario, concentrando no mes de abril a maioría dos actos conmemorativos,

A Asociación comezaba abril coa presentación, en Chantada, do II Anuario Vía Jacobitana Camino de Inverno, unha publicación con artigos sobre o patrimonio material e inmaterial do Camiño de Inverno ao seu paso polas comarcas do Bierzo, Valdeorras, Ribeira Sacra e Deza.

O día 5 presentábase unha postal prefranqueada de Correos e mataselos conmemorativo do XX aniversario da Asociación. O mataselos permanece nas oficinas de Correos de Monforte ata esta Semana Santa, no que é obrigado devolvelo á oficina central de Correos en Madrid, para formar parte da colección de mataselos coa que conta Correos, o que desde a Asociación aseguran que é unha honra.

Mataselos / Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra

Tamén nesta xornada se presentou o II Desafío polo Camiño de Inverno, co ultrafondista Fernando Ibarra Carbón. Co título, “Descobre 260Km de paisaxe, límite 48 horas”, o atleta sairá o 3 de maio ás 22.00 do Castelo templario de Ponferrada, coa intención de chegar a Santiago o día 5, correndo ininterrumpidamente, salvo necesidades fisiolóxicas.

O 6 de abril inaugurábase no Centro do Viño da Ribeira Sacra a exposición de Cartelería da Asociación, con máis de 40 carteis nos que se fai un repaso á historia do Camiño e da Asociación. Tamén se entregaron os premios do Concurso de Fotografía Camiño de Inverno.

Inauguración exposición / Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra

O día central da celebración do XX Aniversario será o 27 de abril. Baixo o título “20 anos recuperando e divulgando o Camiño de Inverno”, descrubirase unha placa conmemorativa do acto, visitarase a exposición de carteis no centro do viño, ás 19.00 tamén no centro do viño presentarase a Guía do Camiño de Inverno e ás 19.30 presentarase un vídeo sobre os 20 anos da Asociación. Esta xornada pecharase co concerto que Amancio Prada ofrecerá na igrexa dos Escolapios en Monforte a partir das 21.00 h. A actuación, que leva por título “Cantigas no Camiño de Inverno”, ten un prezo de 5 €. As entradas pódense adquirir no mesmo lugar da celebración desde unha hora antes.

Cartel Amancio Prada

Unha vez remate a xornada grande, a Asociación seguirá coas peregrinacións polo Camiño de Inverno. As próximas citas serán, 28 de abril coa etapa Chantada – Rodeiro, na que visitarán o Pazo-igrexa de Camba; o 27 de outubro visitarán o Museo Municipal Ramón María Aller, despois de facer a etapa Rodeiro – Lalín.

Lalín – Ponte Ulla será a cita do 10 de novembro con visita ao Pazo de Santa Cruz de Rivadulla e o remate a estas peregrinacións farase o 24 de novembro coa etapa final de Ponte Ulla a Santiago, para rematar con visita ao Pórtico da Gloria.

Entre o 17 e o 19 de maio farán o Camiño Portugués desde Oporto, seguirán os días 1 e 2 de xuño con visita a Braga e Barcelos e os días 16 e 16 e 22 e 23 con visita a Ponte da Lima e Viana do Castelo.

A  programación deste 2019 completarase cunha viaxe en xullo aos Países Baixos e en outubro o Camiño Francés por León e a IV Andaina Escolar polo Camiño de Inverno. Entre o 13 e o 15 de setembro celebrarase o XVI Congreso do Camiño de Inverno en Monforte: 20 anos traballando pola recuperación do Camiño de Inverno a Santiago. Ao longo de 3 días sucenderanse as conferencias, andainas e visitas ao patrimonio de Monforte e a Ribeira Sacra. O 30 de novembro a Asociación celebrará a súa tradicional cea solidaria.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here