Visitas guiadas ao patrimonio da Pobra do Brollón mentres se preparan para a Feira do Viño de Vilachá

Esta Semana Santa o Concello da Pobra do Brollón organiza visitas guiadas de balde, ao Castro de San Lourenzo e ás adegas e contorna de Vilachá. Ademais este xoves, día 18, estréase un novo episodio de Adegas da Memoria e o Concello prepárase para a edición 28 da Feira do Viño de Vilachá

Visitas Guiadas Vilachá / Adegas da Memoria

Dentro do programa de visitas guiadas que ofrece o Concello da Pobra do Brollón, as visitas a Vilachá sairán este mércores 17 de abril, xoves e venres ás 11:00 dende as adegas de Vilachá. Comezarán cun pequeno paseo ata o miradoiro da Capela. Á volta do paseo, pararase nas adegas para admirar a súa arquitectura tradicional e para quen queira tomar un viño. As visitas son de balde, pero o viño cobrarase, ou non, segundo criterio dos adegueiros. Para máis información ou reservas, os interesados poden contactar no teléfono 650624828.

Desde Vilachá estrearase este xoves, día 18 ás 20.00, o episodio 3 de Adegas da Memoria, que tratará a vida ribeirá antes da construción dos encoros do franquismo, estréase este xoves 18 ás 20:00. “Queremos amosar como os encoros e a consecuente modificación do río Sil, transformou totalmente a vida ribeirá, dende a actividade pesqueira ata as relacións entre os veciños” explica Iago Seoane, un dos realizadores da serie.

“Trátase de ofrecer unha visión distinta da Ribeira Sacra, máis alá da prototípica imaxe de postal, e a cantas máis persoas podemos chegar, mellor”, comenta o técnico de cultura do Concello, Xosé Gago. “Nun momento tan crucial para a Ribeira Sacra pensamos que é fundamental dar voz e poñer o foco nas persoas que viven e traballan aquí.”

Feira do Viño de Vilachá

O Concello da Pobra do Brollón celebra a XXVIII Edición da Feira do Viño de Vilachá que terá lugar a primeira fin de semana de maio, os días 4 e 5.

O Sábado, día 4, farase a apertura das adegas e postos de comida ás 12:00h. Ás 18:00h haberá un pasarrúas cos grupos de Cantos de Taberna: Os Somontanos, Skachacunchas, Os Parrandas, As Macizas Centrais, Os Tabernícolas, Son do Mao, Sómosche D ́herbas e As Recuncadas, que amenizarán a xornada ata que ás 21:30h actúe o grupo Brassica Rapa. Ás 21.00 celebrarase unha gran chourizada.

O Domingo 5 abrirase a xornada ás 12:00h cunha alborada que levará a cabo o grupo de gaitas da Escola Municipal de Música. Ás 12:30h haberá un novo pasarrúas cos grupos de cantos de taberna: Os Corenta e Cinco, Os Amigos do Caldeiro e As Searas que porán o ritmo e o ambente musical á feira ata as 13:00h momento no que a poeta da Pobra do Brollón, Olga Novo, levará a cabo o pregón da feira. Logo de xantar, cara ás 15:30h haberá unha nova actuación que levará a cabo a Charanga Terras do Bibei.

Haberá servizo de autobuses desde A Pobra (concello) e desde Monforte (A Compañía). O Sábado a saída será ás 18:00h da tarde e o regreso ás 03:00h da madrugada. E o Domingo a saída será ás 12:00h e o regreso ás 21:00h.

A Feira do Viño de Vilachá é unha das máis características e enxebres de Galicia por facerse nas centenarias adegas de Vilachá. Este enclave cheo de pedras e árbores centenarias garante unha fin de semana de etnografía, viño, paisaxe e diversión.

Cartel Feira do Viño de Amandi / Concello da Pobra do Brollón

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here