Bóveda e Sober beneficiaranse de axudas económicas para a mocidade

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, vén de anunciar achegas económicas para diferentes concellos da provincia de Lugo.

José Manuel Balseiro. Foto: Prensa Xunta de Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución das axudas da Xunta destinadas a entidades locais para a posta en marcha de iniciativas dirixidas á mocidade, que na provincia de Lugo benefician a 12 concellos e suman arredor de 74.000 euros.

No caso do sur de Lugo as achegas económicas permitirán apoiar proxectos nos concellos de Bóveda e Sober.

Nesta convocatoria de axudas da Consellería de Política Social dáse atención prioritaria aos programas das entidades locais dirixidos ao fomento do emprendemento, a divulgación dos hábitos saudables e a prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, a dinamización da información para a mocidade ou a promoción de actitudes creativas e innovadoras.

Tamén se dirixen a iniciativas que favorezan a inclusión social e laboral e a accesibilidade de mozas e mozos, que impulsen a participación e o empoderamento das mulleres, que fomenten a conservación e posta en valor do medio ambiente e o patrimonio cultural e o desenvolvemento e dinamización do medio rural.

A orde obriga a que calquera das actividades desenvolvidas sexan de carácter gratuíto para as persoas que participen e non poderán xerarse ingresos polo pagamento de cotas, entradas ou outros de similar natureza.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here