31 adegas participarán na XXV Cata dos Viños da Ribeira Sacra

Un total de 67 caldos competirán en tres categorías: Brancos, tintos e outras anadas.

Cata de viños da D.O. Ribeira Sacra / Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra

Os días 4 e 5 de xullo terá lugar a precata que precede a XXV Edición da Cata dos Viños da Ribeira Sacra. Este ano presentáronse un total de 67 viños, pertencentes a 31 adegas da denominación de orixe. Só poden participar na Cata os viños elaborados por adegas inscritas nos rexistros da Denominación de Orixe Ribeira Sacra que se estean a comercializar actualmente.

O certame está composto por tres categorías: unha de viños brancos, á que se presentaron 17 mostras; unha de tintos, con 32 participantes; e unha categoría dedicada aos caldos doutras anadas, con 18 exemplares. Para as dúas primeiras clases estableceranse tres premios: Medalla de Ouro, de Prata e de Bronce. Na doutras anadas entregaranse dúas Medallas de Ouro.

O xurado está composto por 11 especialistas da enoloxía e a viticultura. Valorarán as mostras que os técnicos do Consello Regulador recollerán durante os próximos días. Neste proceso, recollerán tres mostras ao azar do stock da adega e un notario precintaraas ata a celebración da Cata. Esta terá lugar o día 5, aproveitando o tradicional xantar de confraternidade que se vén organizando dende o Consello no Balneario de Pantón.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here