O Concello de Monforte renovará as rúas Chamoso Lamas e Benito Vicetto

As obras comezarán esta mesma semana e contan cun presuposto de case 100.000 euros.

José Tomé na presentación das obras / Concello de Monforte de Lemos

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou na mañá do xoves 11 de xullo dúas obras de mellora nas rúas Chamoso Lamas e Benito Vicetto. O custe total do proxecto será de case 100.000 euros e o rexedor socialista sinalou esta nova corresponde coa súa “intención de continuar levando a cabo proxectos de mellora que tiñamos previsto dende finais do pasado mandato”.

As obras de mellora na rúa Chamoso Lamas, que comezarán esta mesma semana, continúan co acondicionamento que se levou a cabo hai aproximadamente un ano dende Rioseco ata o medio das Cruces. No proxecto que se acaba de aprobar, as obras estenderanse ata a rúa Valle-Inclán. As actuacións que se propoñen son o regularización do ancho da vía para establecer dous carrís de tres metros. Neste proxecto tamén se inclúe a dotación de novo alumeado, a colocación dunha baranda metálica para dotar a vía de máis seguridade e un redutor de velocidade. Finalmente a Rúa Chamoso Lamas será asfaltada cunha capa de aglomerado en quente.

Doutra banda, na rúa Benito Vicetto regularizarase o firme e colocaranse pases de rexiña xunto aos alcorques das árbores para que a auga non saia cara á rúa. Ademais, levantaranse as tapas das arquetas, os pozos de rexistro e os sumidoiros. Coma a rúa Chamoso Lamas, esta vía tamén será reasfaltada con aglomerado en quente. José Tomé destacou a importancia de acondicionar esta área, xa que “é unha das entradas máis importantes á cidade de todos aqueles que proceden da estrada de Castro Caldelas, e da Nacional 120″.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here