Elaborar boas tapas non sabe de idades

A Delegación da Zona Sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo, lémbrase dos máis pequenos para unha actividade gastronómica que organiza.

'Alambique San Simón'. Tapa que presentaba a Abadía San Simón. Foto do Cume Tapas 2018

Beatriz Vila, responsable da zona sur da APEHL, Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo, impulsa cada certo tempo actividades de formación e de dinamización do sector como as xa coñecidas xornadas gastronómicas do “Estase cocendo” ou o “Cume tapas”.

Nesta ocasión, para o vindeiro martes 30 de xullo, desenvolverá unha xornada gastro-cultural bautizada co nome de “Tapalandia” que está enfocada a nenos e nenas de 5 a 12 anos. Ese día, en horario de 10:00 a 19:30 h., as instalacións da Delegación Zona Sur de APEHL, na Rúa Zapaterías s/n de Monforte de Lemos (Torreón do cárcere vello), serán o escenario deste particular ‘Master Chef junior’ centrado no mundo do tapeo.

Os nenos e nenas elaborarán e degustarán diferentes tapas, bebidas e sobremesas da man do chef do Restaurante O Grelo, Martín Mantilla. A xornada inclúe diversas actividades e terá un custe de 30 euros por pequeno/a. No caso de participar familiares de socios da entidade organizadora o prezo será de 20 euros e se veñen dous da mesma familia aplícase un pequeno desconto.

O custe mencionado, ademais da formación especializada e as actividades que se realizan, inclúe material, vestimenta de cociña e diploma de participación. Todos os interesados e interesadas en participar nesta nova iniciativa poden contactar no teléfono 982.412.050 para inscribirse antes do día 26 de xullo.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here