Iniciosociedade“Empecei como terapia e agora teño encargos de todo o mundo”, Orlando...

“Empecei como terapia e agora teño encargos de todo o mundo”, Orlando Augusto Magalhaes

Hai circunstancias na vida que te levan, sen querer nin pensalo, a darlle saída a afeccións do pasado e convertelas nunha forma de vida, e incluso nunha fonte de ingresos, no presente. Orlando, veciño do Souto, en Pantón, está a vivir esta situación e cóntanos a súa experiencia coas manualidades en madeira.

Publicado o

- Advertisement -

Orlando Augusto Magalhaes Dos Santos criouse en Trives, traballou nas canteiras de pizarra de Valdeorras e no ano 2008 chegou a Monforte. Dende hai uns anos é veciño do lugar do Souto en Ferreira de Pantón.

Conta que cando era pequeno facía manualidades e “dáballe bastante xeito”, pero co paso dos anos e coas obrigas laborais non lle dedicou tempo a esta afección. E como pasa en moitas ocasións, aquilo que nos fixo felices de nenos volve ás nosas vidas ben porque temos máis tempo libre, ben porque descubrimos que esa dedicación pode aportarnos ingresos. No caso de Orlando foi un pouco así tamén, recuperar as manualidades serviulle de terapia e tamén para obter uns ingresos nun momento no que a súa economía en apuros.

Cando e por que empezaches con isto das manualidades en madeira?

Este tema gustoume toda a vida, xa de pequeno… pero a raíz dun cancro que me detectaron no ano 2016 foi cando recuperei esa afección. Colléronmo a tempo pero tiven que deixar de traballar, co cal empecei a ter moito tempo libre, tempo que ocupar. Recuperar a afección polas manualidades “foime unha terapia”.

A maña por estes traballos en madeira xa che vén logo de neno. Tiñas boa man logo?

Si, lembro facer cousas xa dende os dez anos. Argallaba cousas para min e para a casa nos ratos libres. Á miña nai, por exemplo, facíalle casas desas que se colgan nas paredes. Lembro tamén que un carpinteiro regalábame rodapés que lle sobraba e eu roubáballe puntas a meu pai para montar as miñas creacións. “Un martelo, un serrucho pequeno e un metro de madeira foron as primeiras ferramentas que tiven” (risas).

E mira ti a vida, moitos anos despois volves dedicarte a esta afección?

Xa ves ti, aquela afección que empecei de neno “estouna explotando agora” por mor ou grazas ao cancro. Non paro de crear e elaborar pezas en madeira.

A cousa vai máis alá da dedicación para ocupar o tempo, logo?

Pois si, o principio foi un pouco raro. Experimentas, vas probando cousas… Empecei aproveitando madeira de palés, que era a materia prima que tiña daquela, e os amigos e veciños foron animándome para ir a feiras e mercadiños porque vían que facía cousas moi bonitas e a xente mercábaas.

Daquela fuches empezando a ganarlle algo ás obras que elaborabas?

O primeiro de todo foi o pracer, o pracer por crear e o ben que me facía ocupar o tempo neste choio. Despois xa pensei en sacarlle algo de beneficio económico por dous motivos, gastaba cartos en material e ferramentas e como a paga pola incapacidade tardaba en aprobarse tamén necesitaba cartos para tirar adiante.

Que obxectos ou pezas teñen máis interese polos compradores?

Empecei facendo caixiñas e vehículos que sempre me gustaron. Camións, coches, tractores, motos, maquinaria… Como traballei sempre con maquinaria é un tema que me apaixoa e creo que se nota nas obras que fago. Despois fun ampliando e facendo un pouco de todo, cadros, lámpadas, nomes propios de persoas tallados, nomes para locais comerciais, reloxos, escudos… E moitos dos encargos son personalizados. A xente pídeme algo concreto e eu sempre lles digo “non hai nada imposible” (risas).

Moto tallada en madeira. Foto: Orlando

Cal é o teu método de traballo?

Sempre digo que “o meu maestro foi youtube”. A partir de aquí aprendín moito pero o estilo e a man dun sempre son inconfundibles. O meu traballo distínguese por ser cento por cento manual, traballo a man e sen torno, “co torno traballa calquera” (risas). En canto ao método eu digo que o meu é o “método do limpa zapatos”. Así como o limpa zapatos de toda a vida colle un pano polas dúas puntas e móveo de lado a lado, eu fago o mesmo pero coa lixa. Fago primeiro un labrado con cepillo ou radial e despois xa é cousa de darlle forma á peza de madeira collendo a lixa coas dúas mans de lado a lado ata darlle a forma que quero.

Seguro que tes moitas anécdotas?

Algunha teño. Sobre todo relacionadas cos encargos personalizados. Dende que abrín unha páxina en Facebook moitos dos encargos chéganme por esta vía. Acabo de facer un traballo que consiste nun mapamundi tamaño 2,5 metros de longo por 90 centímetros de alto con luces leds para colgar nunha parede, un traballo espectacular. Teño en proxecto un reloxo con números romanos cun diámetro dun metro e dentro del dous carballos que representan o pai e a nai; destas árbores saen unhas polas que representan aos fillos e aos netos e todos cos seus respectivos nomes. E tamén veño de rematar un libro ’25 aniversario’ para unha parella na que en 8 follas de madeira coas súas capas en madeira de castiñeiros está a súa historia feita coa técnica de pirograbado.

Mapa Mundi feito por encargo. Foto: Orlando M.

Tes encargos fóra de Galicia e do estranxeiro?

Teño. Para EE.UU. xa foi algún e varios para París. A nivel nacional tamén saen bastantes. Ás veces cando se corre a voz destes clientes que me contactan por Facebook e quedan contentos chegan outros encargos do mesmo lugar.

Téñense dado casos de clientes aos que non lle gusta o resultado?

Algún hai. O meu traballo é moi especial e complexo ao mesmo tempo, dedícolle toda a enerxía e moito tempo, e hai veces que o cliente non o valora como debera. Se vexo que a persoa non aprecia o meu traballo e o resultado final é óptimo prefiro non cobrarlle e non darlle o encargo.

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...