Monforte participará no programa Xogos sen Fronteiras

A produtora do programa, que se emitirá este outono, fará a selección do equipo nos vindeiros días, buscando perfís que se adapten ás características de cada xogo.

Explanada da Compañía / Concello de Monforte

O Concello de Monforte de Lemos será un dos 5 equipos que representarán a España no programa Xogos sen Fronteiras da produtora italiana Nonpanic para emitir en televisións de diferentes países europeos. En España, será Tele5 a canle que emitirá o programa, que será presentado por Lara Álvarez. O resto de países que emitirán o programa serán Italia, Rusia, Alemaña, Polonia e Grecia.

Jeux sans frontières comezouse a emitir nos anos 60; agora a produtora Nonpanic actualiza o formato pero sen perder a esencia que o fixo popular desde os inicios: participantes de localidades de varios países de Europa competindo xuntos para, coa escusa dos xogos, dar a coñecer as súas localidades de orixe máis aló das fronteiras do propio país. Durante ditas emisións, o televidente tamén poderá ver un vídeo promocional de Monforte e da Ribeira Sacra que se gravará nas vindeiras semanas.

Está previsto que a finais do mes de setembro se leve a cabo a gravación do programa, entre 4 e 5 días, nos emblemáticos Estudios Cinecittâ de Roma. O equipo mellor clasificado de cada país, competirá na gran final contra o representante de cada un dos outros países participantes  (Italia, Rusia, Alemaña, Polonia e Grecia). Cada equipo estará composto por 10 participantes e 2 reservas que a produtora seleccionará en cada localidade. No caso de Monforte, a selección do equipo terá lugar nos vindeiros días, e a produtora buscará un perfil que se adaptará ás características de cada xogo. Tradicionalmente os equipos están formados por membros de asociacións deportivas, culturais, membros de corpos públicos como bombeiros ou policías locais, etc, entre os 18 e os 50 anos de idade, e cun perfil atlético e carismático.

 

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here