IniciosociedadeLourdes Pombo, de enxeñeira asalariada a reposteira autónoma de éxito

Lourdes Pombo, de enxeñeira asalariada a reposteira autónoma de éxito

Coñecemos o cambio de vida que experimentou esta sarriá da parroquia de Lier, creadora da marca ‘Torta de Sarria’.

Publicado o

- Advertisement -

Disque hai que perseguir os soños con forza porque na maioría de casos estes cúmprense. Ás veces alcanzámolos tendo claro o noso obxectivo dende o principio e loitando duramente ata acadalos pero noutras ocasións chegamos a eles de xeito fortuíto.

O caso de Lourdes cumpre un pouco esta segunda casuística. Partindo dunha profesión técnica e dun traballo asalariado está conseguindo vivir da súa paixón de cativa, a repostería, e todo a partir do peche da empresa na que traballaba. E como se di tamén en moitas ocasións, cando unha porta se pecha outra se abre ou non hai mal que por ben non veña… O caso é que foi esta circunstancia a que a levou a probar sorte dándolle saída profesional á elaboración de doces.

E outra curiosidade, por estraño que pareza, Lourdes está aplicando coñecementos da súa formación profesional como enxeñeira na súa actual dedicación de reposteira. Falamos con ela para coñecer a súa historia.

A túa afección á repostería vén de nena ou é algo recente? 

Sempre me gustou, de nena estaba continuamente vendo os libros de receitas de miña nai e en canto me deixaron empecei a facer doces, moitas veces a escondidas para sorprender a miña nai e miña irmá na sobremesa.

Cónstanos que a túa formación académica non ten nada que ver con este mundo. Cóntanos. 

Certamente, son enxeñeira, exercín como tal moitos anos e encantábame o meu traballo. Por incrible que pareza, actualmente aplico moitos dos meus coñecementos como enxeñeira a diario no meu obrador: control de tempos, análise dos procesos, calidade, estudio de custes,…

Como e cando naceu, logo, Torta de Sarria? 

Torta de Sarria xurdiu no 2015. Despois de perder o meu traballo pola crise, o peche da empresa onde exercía como enxeñeira, plantexeime a posibilidade dun cambio de vida para poder compatibilizar a maternidade coa actividade laboral. A repostería sempre foi a miña afección favorita así que decidín dedicarme a ela.

Especializada en sobremesas e doces ou fas algo máis? Cales son as referencias ‘estrela’? 

De momento só doces. O produto estrela da marca é a “Torta de améndoas e castañas Val de Sarria”.

Torta de améndoas e castañas Val de Sarria

Estás contenta coa evolución do proxecto? Podes con todo ou xa contas con xente no obradoiro? 

Estou encantada coa aceptación que ten a marca, pouco a pouco vai sendo mais coñecida e o mellor de todo é que a xente que proba repite, esa é a maior ledicia para min. A miña capacidade de traballo é bastante grande así que de momento vou amañando, no futuro xa veremos.

Onde se comercializan os teus produtos? Pensando en medrar? 

Vendemos a tendas especializadas e a restaurantes de todo Galicia e tamén a algún fóra de Galicia. Cada ano van aparecendo novos clientes a través das feiras, das redes sociais e tamén do boca a boca. Sempre teño na cabeza algunha receita nova.

O Camiño de Santiago seguro que tamén favorece a localización do teu negocio en Sarria, non? 

Si, o feito de que a diario pasen tantas persoas por Sarria é moi bo, e moitas interésanse pola gastronomía local.

Que calidades cres que debe ter un bo, unha boa reposteira? Algún referente en Galicia ou fóra neste eido? 

Debe ser metódica/o e creativa/o ademais de moi traballador/a. Referentes, a priori ningún… ben, a miña nai, claro (risas).

Seica tes un proxecto a medias co teu compañeiro Xermán, coñecido luthier galego. Cóntanos. 

Pois si, ofertamos unha visita ao taller de instrumentos de Xermán na que o visitante pode coñecer de primeira man o mundo da luthería e ademais facemos unha degustación de produtos de Torta de Sarria.

Produtos da marca que se poden degustar na visita ao taller de instrumentos de Xermán. Foto: L.P.

O obrador de Lourdes Pombo, un anexo á casa familiar, está na rúa Marqués de Ugena, 48 na vila de Sarria.

ÚLTIMAS

A A.V. do Saviñao pide aumentar as prazas de taxi

A Asociación Veciñal do Saviñao dirixiuse á Alcaldía do Saviñao coa finalidade de trasmitir...

Últimos días para coñecer a exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata o 30 deste mes...

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...