En Marea pide dous TES para a ambulancia medicalizada de Monforte

En Marea reiterará no Parlamento a necesidade de que a nova ambulancia medicalizada de Monforte conte con dúas persoas profesionais con título de TES (Técnico en Emerxencias Sanitarias), en lugar de só unha.

Ambulancia medicalizada / pontevedraviva.com

Nos pregos das condicións técnicas do concurso público para a prestación do servizo de transporte sanitario urxente por parte da Fundación Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recóllese que as ambulancias deberán dispor dun condutor en posesión do título de formación profesional de TES e outro/a en funcións de axudante, coa mesma titulación, como mínimo.

Deste requirimento, exceptúanse, segundo En Marea, as ambulancias de Soporte Vital Avanzado de Foz, Monforte e do Salnés, que só deberán contar cun TES.

Sinalan desde En Marea que a correcta dotación en equipa humana das ambulancias permite a eficiencia na atención das urxencias extrahospitalarias e eliminar un efectivo do persoal técnico recorta a capacidade para localizar a urxencia e chegar ata ela.

O distrito sanitario de Monforte de Lemos conta cunha ambulancia de soporte vital básico en Monforte, que atende os concellos de Lemos, unha con base en Chantada, para a área de Saviñao, Chantada e Carballedo, e outra con base en Quiroga, que leva Quiroga, Ribas de Sil e O Courel. Sinalan desde En Marea que “Era moi necesario o aumento das dotacións, pero debe facerse con todas as prestacións. Non entendemos, ademais, como a Xunta pode gabarse desta situación, trasladando nunha pregunta por escrito a En Marea que estamos ante un novo modelo asistencial, que, na práctica, supón unha redución dos efectivos nas ambulancias medicalizadas”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here