Paradela, onde todos os mortos falan galego

Este día de Defuntos terá lugar en Paradela a sinatura da "acta de reafirmación de Galeguidade", dentro da iniciativa "En Galego, agora e sempre", para os que queiran "que a súa despedida vital, funerais e todas as cerimonias de despedida da vida sexa feitas en galego".

Campas en galego nun cemiterio / Cope Lugo

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e o Concello de Paradela, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, celebrarán o día 31 de outubro, na véspera das festividades de Todos Santos e de Todos os Defuntos un acto para “reafirmar o uso do idioma propio no único cemiterio da comunidade autónoma con todas as lápidas en galego”.

Segundo informaron os promotores desta iniciativa, tomouse a decisión de realizar este acto de “reafirmación do idioma galego” no cemiterio parroquial de San Facundo de Ribas de Miño, no municipio lucense de Paradela, porque é o único de Galicia que ten todas as súas campas en galego.

O acto comezará na propia Casa do Concello de Paradela, ás doce do mediodía, coa intervención do alcalde de localidade, José Manuel Mato. Posteriormente, os presentes que o desexen asinarán a “acta de reafirmación de Galeguidade”, dentro da iniciativa “En Galego, agora e sempre”, parar declarar que queren “que a súa despedida vital, funerais e todas as cerimonias de despedida da vida sexa feitas en galego”.

O acto no Concello finalizará coas palabras do presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, Xosé González Martínez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Desde a capital municipal, os participantes desprazaranse ao cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño, onde se descubrirá unha placa para deixará constancia desta celebración.

1 COMENTARIO

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here