IniciosociedadeAlberte Montes, un quirogués na nova serie da TVG

Alberte Montes, un quirogués na nova serie da TVG

O coñecido actor e humorista orixinario dos Anguieiros, na parroquia de Montefurado, volve ás pantallas da canle autonómica para formar parte do elenco de “Do dereito e do revés”, comedia que se empezará a emitir a principios de decembro.

Publicado o

- Advertisement -

O martes 26 de novembro tivo lugar en Santiago a preestrea de “Do dereito e do revés”, unha serie coral, chea de humor e disparates, que parte dunha idea de Xosé Cermeño, creador tamén da mítica “Pratos combinados”.

O Auditorio Abanca de Santiago foi o lugar escollido para o pase promocional do primeiro capítulo, pase no que estiveron presentes, ademais do grupo de traballo da serie, outras moitas caras coñecidas da Televisión de Galicia. Ás 19:30 h. tivo lugar a recepción, coa correspondente pose para fotos no clásico ‘photocall’, e xa ás 20:00 h. fíxose a proxección do primeiro episodio cun patio de butacas cheo.

A ficción “Do dereito e do revés” está producida para a Televisión de Galicia por Think First, en colaboración con CTV. As tramas desenvólvense nunha pequena vila onde un ‘avogado das silveiras’, Moncho Patiño, intenta sobrevivir no seu oficio recorrendo a disparatadas proposicións do seu amigo Manolo -Alberte Montes- e na súa vida familiar, marcado de preto pola súa ex, a súa nai e a súa filla adolescente.

Foto de equipo na presentación do martes 26 de novembro. Foto: AMORA FOTOGRAFÍA

Os actores e as actrices que forman parte desta disparatada comedia, que se poderá ver os mércores en ‘prime time’ a partir de decembro, son: Víctor Fábregas, Susana Sampedro, Sergio Pazos, Xoel Fernández, Casilda Alfaro, Alberte Montes e Alicia Armenteros. O director é Manel Espiñeira, profesional de traxectoria dilatada con numerosos encargos para a canle pública galega e gañador dun premio Mestre Mateo á Mellor Dirección por Serramoura.

Un dos protagonistas desta comedia familiar para todos os públicos é o quirogués Alberte Montes, moi feliz con este novo encargo no que encarna ao “trapalleiro” Manolo, ‘buscapreitos’ do avogado Moncho Patiño -Víctor Fábregas- Falamos con el.

Despois duns anos, volves a unha produción para a TVG. Había ganas?

Moitas. Traballar sempre é bo, pero facelo ademais no país é dobre ledicia.

Como describirías a Manolo, o teu personaxe na serie? 

Coma un “chafallas”. É un trampulleiro con poucas luces. Iso, claro está, é un caramelo para a comedia.

Manolo, persoaxe que encarna Alberte Montes. Foto: Think First

Se falamos de comedia e de situacións disparatadas, Alberte Montes non podía faltar…

Nos doce anos de carreira é o que máis fixen. Considérome cómico e a moita honra. Desfruto moito facéndoa, é dura pero moi agradecida.

Que nos podes contar da experiencia de traballar con actores e actrices da talla de Víctor Fábregas, Sergio Pazos ou Susana Sampedro, entre outros/as?

Está sendo un auténtico pracer. Con case todos é a primeira vez que traballo e a experiencia non pode ser mellor. Síntome moi cómodo e arroupado, polo reparto e polo resto do equipo.

Que cres que aporta de novo “Do dereito e do revés” ao xénero da comedia audiovisual feita en Galicia?

Hai tempo que unha comedia así non chega á Galega. Unha revisión do humor retranqueiro, tan noso e recoñecible. Unha serie dinámica, de humor polo humor, sen fendas.

Veslle posibilidades alén das nosas fronteiras?

Hoxe en día coa globalización…

Alberte Montes falando para a TVG. Foto: AMORA FOTOGRAFÍA

ÚLTIMAS

Bóveda e A Pobra do Brollón acollen os actos de ‘conmemoración do combate de Repil’, episodio de represión franquista en Cereixa

O sábado, 20 de abril, terá lugar unha nova celebración dun acto pola recuperación...

34 candidaturas para a Gala do Deporte de Monforte

O pasado 29 de marzo remataba o prazo para inscribirse na convocatoria, foron 34...

Comezan as obras da residencia da Pobra do Brollón

A empresa Construcciones Castro Figueiró S.L.U. é a encargada de acometer os traballos, que...

70.000€ para a drenaxe da vía LU-P-5702 ao seu paso polo Rego de Monelo, en Sarria

As obras executaranse á altura do Rego de Monelo, en San Vicente de Froián,...