Saneamento, sanidade ou educación, emendas de En Marea aos orzamentos da Xunta para a zona sur

No eido do Patrimonio, consideran prioritario partidas para actuacións en San Salvador de Asma (Chantada), igrexa de Lobios (Sober), Ponte Vella (Monforte) e apoio ao proxecto de investigación no xacemento romano de Proendos (Sober), así como un proxecto de Museo Arqueolóxico en Folgoso do Courel.

En Marea / En Marea

En Marea considera que unha das prioridades é apoiar aos Concellos na extensión do saneamento de augas residuais, polo que introduciu emendas para o saneamento en Pantón e Monforte, así como para a mellora da depuración en Chantada.

En sanidade, En Marea considera esencial que a nova ambulancia de Soporte Vital Avanzado de Monforte conte con un TES (Técnico de Emerxencias Sanitarias) máis en cada quenda. Asemade, piden máis fondos para Atención Primaria e un millón de euros máis para o Hospital Comarcal.

No que ten que ver con Servizos Sociais, consideran esencial aumentar os fondos que a Xunta chega ao Servizo de Axuda no Fogar, e rematar coa precariedade laboral no sector, que consideran evidente en concellos como Monforte e Chantada, así como proxectar unha minirresidencia e Centro de Día no Saviñao. Tamén consideran esencial que Monforte conte con escola infantil da Xunta e que as Galiñas Azuis de Quiroga e Chantada aumenten as súas prazas.

En canto a infraestruturas, proponse aumentar a partida para o desdobramento do corredor Monforte-Lugo, o mesmo que un incremento para os accesos ao Porto Seco de Monforte e para a estrada que vertebra o Courel, entre Folgoso e Seoane.

Asemade, para o conxunto das comarcas rurais, En Marea presentou un Plan de universalización da banda larga, unha campaña específica de apoio á promoción da viticultura e o viño galego no exterior, liñas de financiamento para as explotacións lácteas ou un fondo para axudas por danos provocados por sarabias e xiadas, así como melloras no transporte no rural.

Por outra banda, a iniciativa de En Marea para dotar dun millón de euros anuais o Plan de Xestión da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra-Courel-O Iribio, así como facer unha campaña de participación no territorio, foi rexeitada polo PP no Parlamento galego, polo que introducen como emenda aos Orzamentos da Xunta 2020 esta cuestión.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here