O Saviñao demanda da Deputación a residencia e o centro de día comprometidos no 2010

O alcalde do Saviñao, Carlos Armesto, pedirá á Deputación a construción da residencia e centro de día, comprometidos no 2010.

Casa do Concello. Foto: C. O Saviñao

O rexedor fará esta solicitude ao organismo lugués, logo de reunirse cos integrantes da Asociación Veciñal O Saviñao, que preside Manuel Sarmiento, e onde acordaron dirixirse á institución provincial para dotar ao municipio deste servizo necesario na localidade e que leva parado 9 anos, dotado cun orzamento de 1,5 millóns de euros.

O concello asegura que estas infraestruturas son necesarias, se se ten en conta a evolución da pirámide poboacional. Segundo dato do Instituto Nacional de Estatística (INE), da poboación total de O Saviñao -uns 3.800 habitantes-, os 42%, é dicir, máis de 1.600, superan os 65 anos. É por este motivo polo que dende o Executivo local urxen ao provincial a cumprir “a palabra dada hai tantos anos e que ningún presidente dende esa data foi quen de poñernos un proxecto enriba da mesa”.

Con todo, Armesto confía en que o novo Executivo, que prevé aprobar o Orzamento a principios de decembro, inclúa a partida económica correspondente para esta infraestrutura.

No transcurso da xuntanza, o rexedor e os membros da asociación abordaron outros asuntos de interese para o concello. É o caso de establecer medidas para regular o tráfico na Praia da Cova, promoción e sinalización das rutas de sendeirismo, avances no centro de saúde, coidado da Devesa ou melloras nas traídas de auga.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here