Relevo xeracional para a organización da “Festa da Pisa”

Froxán será o centro de atención do Courel este sábado 7 de decembro na XXI edición desta popular celebración etnográfico-gastronómica. Falamos con Laura Méndez, unha das persoas que este ano tira do carro na organización.

Xente da organización 'pisando as castañas'. Foto: XMF

Á hora de organizar festas sempre xorde o problema da falta de relevo xeracional. Pois ben, a Asociación Fonte do Milagro vén de resolver ese problema coa organización da Festa da Pisa. Este ano a comisión organizativa está composta por 3 fillos de socios/as que collen o testemuño dos ‘veteranos’ para seguir prestixiando unha das celebracións de inverno máis esperadas en Galicia.

Laura Méndez, socia dende os comezos da asociación, é unha desas 3 persoas que se fai cargo este ano. Segundo nos conta, o tema do relevo xeracional andaba roldando dende hai tempo e os maiores deixaban caer que “a ver se espabila a xente nova e se encarga da festa que nós non imos vivir sempre”. Recoñece a responsabilidade que representa e tamén que contan cos veteranos, que están aí detrás botando unha man. “Sen a xente de vello non sería o mesmo”, di. Insiste en que grazas a eles faise a festa, que os novos serán a cara visible para buscar recursos, organizar e darlle promoción pero o traballo do resto será moi importante.

Que opinas da evolución en popularidade da Festa da Pisa?

Esta festa foi pensada como celebración pequena para os veciños/as e xente da contorna. O primeiro ano habería unhas 50 persoas e agora é xa un referente no Courel e incluso fóra.

“Touriñán marcou un antes e un despois na Festa da Pisa”

Foi progresivo o aumento de visitantes?

Si, cada ano viña máis xente pero coido que traer a Touriñán de pregoeiro no 2015 “foi un boom bastante grande”. Touriñán marcou un antes e un despois na Festa da Pisa. O ano pasado, por exemplo, superáronse os 400 menús do pisador, todo un record.

Como tedes todo a tres días do evento?

Xa está todo casado, todo a punto. Só pedimos que non chova e animamos a todo o mundo a vir e que traian instrumentos para a foliada.

“o Xan de Vilar lesionóusenos. Será unha baixa importante pero virá igual”

Pisadores e abandoxador listos tamén?

Os pisadores Manolo e Servando a punto, pero o Xan de Vilar lesionóusenos. Será unha baixa importante pero virá igual, como non, e o encargado do bandoxo este ano será “Pepe do campo”, o fillo de Elsa, a dona do sequeiro onde se fai a pisa.

Xan de Vilar. Foto: Evaristo Méndez

Algunha novidade para este ano?

Teremos postos de instrumentos e traxes tradicionais e incorporamos como recordo da festa o “pano do pisador”, por 2 euros a xente pode levar para a casa un pano para poñer na cabeza cos catro nós e as cores características da camisa dos pisadores.

 

O ‘pano do pisador’. Foto: Evaristo Méndez

Haberá moita demanda de postos para a venda e a exposición, verdade?

Si, chama bastante xente pero o espazo é moi limitado. Os postos que foron chamando doutros anos están adxudicados, intentamos non repetir e buscar a variedade. Doe ter que dicirlle á xente que xa non hai sitio pero non podemos coller máis postos.

Repetides este ano a demostración de ‘aserrado’?

Si. O ano pasado gustou moito e volvemos facela. A “demostración de aserrado de madeira con serra de aire” farase despois de comer. Antigamente facíase en Ferreirós a “Festa da serra” e pensamos que era ben recuperar esta tradición e darlle visibilidade, unha forma máis de promocionar o que facían os nosos antepasados.

E a quen tedes este ano de pregoeiro?

A Xosé Barato, un coñecido actor galego. Aproveito para agradecer o labor de recomendadores e mediadores como Mónica García e Miguel de Lira que fan posible que teñamos tan bos pregoeiros/as.

A Festa da Pisa debe evolucionar ou está ben así?

Se funcionou ata agora haberá que manter a estrutura. Non se formulan cambios a futuro de momento. O que si repetiremos, que foi unha cousa nova, é a festa de presentación. O pasado 16 de novembro fixemos a presentación oficial da festa e do cartel e aproveitouse para montar unha festa. Tivemos a Quico Cadaval, á poeta Noa Moreira, houbo música… Estivo moi ben, veu xente e pasárono todos/as xenial. Ademais de promocionar a Festa da Pisa serviu tamén de escusa para traer xente a Froxán e ao Courel (risas).

Queda alguén en Froxán que “seque e pise” as castañas?

Pois quedan 2 veciños/as. Elsa, a señora que nos cede o seu sequeiro para facer a demostración, é unha delas. Seca as súas propias castañas para ter para a casa e para os seus fillos que viven fóra. O ‘secado’ é como se fixo sempre, no sequeiro e co fume e o calor de queimar a leña por debaixo, pero o ‘pisado’ faise xa con máquinas.

Entre a xente que se vai fóra e a que morre “o futuro é moi negro, sinceramente”

Como resiste Froxán ao despoboamento?

Froxán, como o Courel en xeral, sufriu moita emigración. Entre a xente que se vai fóra e a que morre “o futuro é moi negro, sinceramente”. Eu, por exemplo, vivo e traballo en Vigo aínda que veño a Froxán cada fin de semana, a opción de casas habitadas en fins de semana e vacacións axuda a resistir e casos puntuais como o rapaz que veu de fóra e abriu a cantina “A taberna da Píntega” dánlle a vida.

Vista panorámica de Froxán. Foto: Laura Méndez

En que condicións fixarías en Froxán a túa residencia habitual?

Se tivese liberdade para traballar dende a casa e servizos básicos como atención sanitaria máis preto viría vivir ao Courel. Pero actualmente é moi difícil, se tes nenos pequenos e non podes traballar dende a casa… Mirade para Verín, e falamos dunha vila grande…Teñen que mellorar tamén moito as comunicacións e hai moito que avanzar para ter un territorio atractivo e con servizos básicos, “non pedimos ser un Somiedo” pero non damos avanzado, temos un Courel esquecido, pouco visibilizado.

E para rematar, algún agradecemento especial nestes días de moito traballo e esforzo económico?

Darlle as grazas ao Concello de Folgoso e aos establecementos do Courel que colaboran economicamente coa festa.

O programa completo na web da asociación.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here