IniciosociedadeChegan os Reis, agasallos novos e en abundancia

Chegan os Reis, agasallos novos e en abundancia

Os consellos de psicólogos son moi recorrentes estes días para advertirnos das maldades dos excesos consumistas á hora de agasallar. Aínda así, custa tirar adiante iniciativas de intercambio de xoguetes, como a que tivo o Concello de Sarria, ou reducir o número de agasallos por neno/a para Reis.

Publicado o

- Advertisement -

Este Nadal, o Concello de Sarria impulsou unha iniciativa que consistiu en intercambiar xoguetes usados. Os días 30 de decembro, 2 e 3 de xaneiro a Casa da Cultura fixo de “Punto de Intercambio” para que os nenos e nenas levasen aqueles xoguetes aos que xa non lle fan moito caso co obxectivo de doalos ou intercambialos por outros que lle enchesen o ollo.

“Punto de Intercambio” na Casa da Cultura de Sarria / XdL

Voluntarias/os e persoal do concello, incluída a concelleira de Cultura, Reyes Abella, involucráronse nesta idea e incluso fixeron de Paxes para dinamizar a actividade e recoller as cartas aos Reis. Cando lles preguntamos sobre a valoración, na tarde do 3 de xaneiro -derradeiro día de intercambio- comentáronnos que en xeral ben, pero houbo días de pouco movemento de xoguetes e de nenos e nenas. Entenden que ao ser o primeiro ano e ao non darlle unha promoción especial e máis potente igual minguou a participación.

Tamén lles preguntamos por anécdotas e contan algunhas: “Houbo uns nenos que chegaron coas súas bolsas de xoguetes e ao ver os que tiñamos aquí recollidos decidiron dar a volta e marchar, sen deixar e sen coller nada; marcharon dicindo que os que traían eran máis bos que os que había”. Tamén houbo, segundo refiren, algúns casos de nenos/as que á hora de deixar os xoguetes choraban con mágoa por ter que desfacerse deles. “Estaban como arrepentidos e non se querían desprender deles á hora da verdade”, dinos unha voluntaria.

Nenos xogando na actividade de intercambio de xoguetes de Sarria / XdL

O anterior demostra situacións moi humanas e naturais pero cómpre atoparse con elas para saber desprenderse de cousas, cultivar a cultura do troco e fomentar valores e actitudes como o colaboracionismo, a reciclaxe, o conformismo, o respecto…

Dende a organización están contentas/os co resultado, viron que nenas e nenos que participaron quedaron alí xogando un rato e a maioría marchaban contentas/os á súa casa con xoguetes usados pero novos para eles. A idea é repetir para o vindeiro ano e buscar a maneira de darlle máis publicidade, empezando por informar da actividade aos colexios antes do Nadal.

Pizarra con mensaxes / XdL

Son ideas para a formación dos pequenos e pequenas no conformismo e na aceptación de gozar de bens usados, unha actitude que por desgraza está pouco enraizada na nosa sociedade. Pero non só nos cativos/as, preguntamos nun comercio de Monforte que vende obxectos de segunda man sobre este tema e díxonos “para consumo propio non miramos tanto pero para facer agasallos non temos cultura de regalar cousas usadas”. “Eu, particularmente, nesta época do ano non teño case venda de agasallo”, engadiu.

“…segue primando a cultura da abundancia e do agasallo a estrear”

Aínda que hai alternativas para combater o exceso consumista e a cultura do novo, segue primando a cultura da abundancia e do agasallo a estrear. Por moitos consellos de psicólogos que nos cheguen estes días, a través de tertulias ou artigos de opinión, a rutina vainos levar á maioría a ‘sobrecargar’ de agasallos ás cativas e aos cativos. Por moito que intentemos non pasarnos dos 3-4 recomendados teremos que sumarlle os do Apalpador ou Papanöel que chegaron días atrás, e os de “Reis complementarios” que deixan na casa dos tíos, dos padriños e madriñas, dos avos e avoas…

E volvendo aos consellos dos psicólogos/as. Canto mellor sería que agasallásemos aos nosos fillos e fillas con tempo de dedicación e non con tantos bens materiais, cada vez máis pasivos, para o seu entretemento.

ÚLTIMAS

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de...

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...