A ANPA do Frei Luís acepta o traslado “temporal” do alumnado mentres non rematen as obras

Educación ofreceu a opción de mover o estudantado a unha parte do colexio que non estaba sendo utilizada, pero que en principio non ten gretas. Comprometéronse a acondicionar o espazo.

O colexio Frei Luís de Granada, en Sarria, permanece parcialmente apuntalado | XdL

EFE.- Nais e pais do colexio Frei Luís de Granada, en Sarria, aceptaron a proposta da conselleira de Educación, Carmen Pomar, sobre o traslado “temporal” do alumnado ata que rematen as obras que manteñen parcialmente apuntalado o edificio.

A conselleira explicou que lle ofreceu “á comunidade escolar” a posibilidade de trasladarse “temporalmente” a unha parte do mesmo edificio do colexio que “agora mesmo non ten uso” e que non está “afectado polas gretas” que apareceron nas instalacións do centro. Unha vez realizado o traslado, procederase a realizar no propio colexio “unha intervención preventiva”, que consistirá en “reforzar os voladizos da cara ao exterior do edificio”.

Para que os nenos e os profesores estean cómodos mentres teñan que permanecer nesa nova localización, Educación comprometeuse a “acondicionar” os espazos “a nivel térmico” e tamén no que se refire ao mobiliario.

ERA ISO OU REPARTIR OS NENOS POR OUTROS CENTROS

Un dos pais afectados, Fran Pico, explicou que a ANPA tomou a decisión de aceptar a proposta da Consellería de Educación porque opina que é a solución “menos mala” para os nenos.Nese sentido, explicou que a outra alternativa era repartir os nenos por diferentes colexios da zona ata que finalizasen as obras.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here