IniciosociedadeMonforte, cidade pioneira no transporte público gratuíto

Monforte, cidade pioneira no transporte público gratuíto

Na mañá deste 1 de febreiro o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, acompañado polos membros do seu equipo de goberno e pola responsable da empresa adxudicataria do servizo, Pilar Sánchez López, de Palacios Bus S.L., fíxose a presentación do "Bus Urbano". Deuse a coñecer o novo vehículo e o servizo interurbano que operará dende o luns día 3.

Publicado o

- Advertisement -

O acto, que tivo lugar na praza Campo de San Antonio e no que estiveron presentes os principais medios de comunicación da contorna, serviu para presentar o vehículo e para poñer en valor a importancia que terá para a cidade este servizo de transporte público en Monforte. Neste senso, o Alcalde José Tomé Roca indicou que “hoxe para min é un día moi importante porque cumprimos un compromiso de dotar a Monforte dun novo servizo de transporte público, accesible a todos os cidadáns, novo, moderno adaptado e que trata a todo o mundo por igual porque é gratuíto”.

Segundo Tomé, este servizo dará resposta ás necesidades de mobilidade de todas as persoas, incluídas as de mobilidade reducida ou con discapacidade, servirá para concienciar sobre o uso do transporte público e fará de Monforte “unha cidade pioneira en transporte público gratuíto”.

José Tomé atendendo á prensa dentro do autobús / XdL

O novo contrato do servizo de xestión integral do autobús urbano de Monforte foi adxudicado á empresa Palacios Bus, S.L. trala formalización dun contrato de 10 anos por un prezo total de 76.972,50 euros (IVE incluído) por ano. Como detalle relevante do contrato, ao cumprirse os dez anos da sinatura do mesmo, o autobús pasará a ser propiedade do Concello, unha circunstancia beneficiosa para a administración local pois cando se faga un novo contrato, o servizo sairá máis barato ao non ter que mercar autobús -a vida útil deste vehículo é superior ós 10 anos- nin ter que pagar cotas de amortización.

Trala presentación do servizo e do vehículo, os medios de comunicación accederon ao interior do mesmo para acabar de escoitar as explicacións do Alcalde e da responsable de empresa adxudicataria. A continuación, o equipo de goberno, acompañado dalgúns asistentes e dos medios de comunicación, completaron o autobús para facer un pequeno percorrido por algunhas das principais rúas da cidade. Esta viaxe de proba serviu para valorar ‘in situ’ as prestacións do autobús e para ver as caras de monfortinos e monfortinas que quedaban mirando para o vehículo e comentando a novidade. Nunha das paradas, na rúa Cardeal, incluso houbo motivo para a retranca, unha monfortina, dirixíndose para os/as pasaxeiros/as soltou un “huele a nuevo”. O vindeiro luns 3 de febreiro estará xa operativo o servizo.

Viaxe de proba coa adxudicatria, membros do goberno local e prensa / XdL

unha monfortina, dirixíndose para os/as pasaxeiros/as soltou un “huele a nuevo”

PRESTACIÓNS DO VEHÍCULO

O Autobús Municipal é un vehículo novo a estrear, da marca Mercedes Sprinter 519 City Line, e conta coas seguintes prestacións:

-Dispón de 36 prazas, 21 sentadas e 15 de pé, con barras de subxección verticais e horizontais regulamentarias.

-Conta con 2 prazas para persoas con mobilidade reducida, coñecidas como prazas PMR.

-Ten unha plataforma ou rampla de acceso para discapacitados ou persoas con mobilidade reducida, e conta cunha porta de servizo de dobre folla.

-Conta cunha máquina rexistradora de usuarios que lle permitirá facilitar datos mensuais de viaxeiros ou de facturación se fose o caso no futuro, para coñecer o uso que fan deste servizo os cidadáns.

-Leva incorporada unha pantalla de televisión informativa con datos facilitados polo Concello, para que usuarios e usuarias poidan saber a ruta, os horarios e incluso avisos ou mensaxes publicitarias e comerciais.

-Ademais, proporciona información sonora mediante altofalantes no teito de próxima parada que permitirá coñecer a todos os usuarios e usuarias, especialmente aos e ás invidentes, coñecer dita información.

-Posúe conexión Wifi con acceso gratuíto a Internet e puntos de recarga USB para dispositivos móbiles.

Xeolocalizador GPS que permite o seguimento da posición do vehículo en tempo real. Isto poderá facelo cada usuario descargándose a aplicación “Locatel” (usuario: bus2020; contrasinal: urbano). É esta unha ferramenta moi útil porque dende un móbil poderase saber en cada momento por onde circula o autobús.

Información de utilidade para descargar a APP (xeolocalizador) e para a WIFI / XdL

-Conta co sistema “Alcolock”, que impide que un condutor baixo a influencia do alcohol poida conducir. O condutor debe soprar por un dispositivo que só permitirá o arrincado do vehículo se non detecta alcohol no chófer.

O condutor ensinando o sistema “Alcolok” / XdL

-Detector de fatiga do condutor, mediante unha cámara situada fronte ao asento daquel.

-Desfribilador Externo Semiautomático (DESA): cardioprotexido e con tipo de descarga dobre, para nenos e para adultos.

En caso de avaría ou reparacións de mantemento do autobús urbano, a empresa adxudicataria conta cun vehículo de substitución, que fará que o servizo non se vexa interrompido.

O novo autobús vai rotulado coas cores corporativas e un deseño que o identifica como autobús de transporte urbano de viaxeiros de Monforte de Lemos. A súa cor é o vermello porque destaca máis e porque o primeiro bus que houbo en Monforte tamén era desa cor, neste punto o coñecido fotógrafo monfortino ‘Montero’ lembrou que esa foi a cor do primeiro bus urbano de Monforte que empezou a funcionar entre os anos 1962-1963

HORARIOS E RUTAS

Os horarios do servizo que se vai prestar dende hoxe co novo autobús serán de luns a venres laborables dende as 8:05 da mañá ata as 8:15 da tarde, de forma ininterrompida, e os sábados laborables de 8:05 da mañá a 13.55 horas.

As rutas que percorrerá o bus son as mesmas que facía o bus que operaba ata agora e abranguen as principais zonas da cidade, con inicio e fin de ruta en Ribas Altas e no Cemiterio. As diferentes rutas, que se poderán consultar na páxina web do Concello e nas propias paradas debidamente sinalizadas que se están acabando de instalar na cidade, pasarán polo Ambulatorio, Estación de Autobuses, rúa Cardeal, Circunvalación, Hospital, Roberto Baamonde, Piñeira, Concepción Arenal, Ribasaltas e A Pinguela.

Bus urbano de Monforte / XdL

ÚLTIMAS

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....