IniciosociedadeRocío Rodríguez, emprendedora, creativa e con marca propia, “PeruChela”

Rocío Rodríguez, emprendedora, creativa e con marca propia, “PeruChela”

Dende hai uns anos, e despois de moitos traballando como asalariada, apostou por tirar para adiante como autónoma con todas as consecuencias; seguir formándose, traballar en diversas actividades e conciliar todo coa vida familiar. Acabou creando a súa propia marca e impulsa unha plataforma de comercio electrónico.

Publicado o

- Advertisement -

Rocío, alias “Peruchela”, é de Piño, unha aldea do Concello da Pobra do Brollón. Segundo nos conta “fun a última que naceu alí”. É coñecida na contorna de Lemos dende hai anos pola súa creatividade aplicada a diferentes actividades como a divulgación etnográfica, a fotografía e tamén a informática. Ten feito numerosas exposicións fotográficas sobre oficios e aldeas galegas, realizado reportaxes sobre festas e celebracións e tamén deseña páxinas webs. As aptitudes anteriores servíronlle e sérvenlle para crear e xestionar varias webs particulares. Ten, por exemplo, unha dedicada ao seu Piño natal e outra, con gran seguimento a nivel mundial no eido da etnografía galega, aldeas galegas.

Despois de traballar moitos anos como asalariada, a partir do 2011 buscouse a vida como autónoma ofrecendo diferentes servizos a empresas e institucións, dende levar a contabilidade, ata facer traballos relacionados coa informática e reportaxes fotográficas e xornalísticas para publicar na súa páxina web aldeasgalegas.com

Do 2016 ao 2018, ademais do anterior, fixo un Ciclo de desenvolvemento de aplicacións webs no Centro de Formación A Pinguela para afondar no coñecemento das novas tecnoloxías relacionadas co entorno web.

O interior da Librería Pelayo / XdL

E, por casualidades da vida, o conserxe do IES A Pinguela díxolle que se traspasaba unha libraría en Monforte, a Librería Pelayo, por se lle podía interesar. Pensouno ben e colleuna. En xaneiro de 2019 inauguraba a nova andaina deste negocio baixo a súa xestión e atopou nesta oportunidade o seu “campo base”, o lugar onde estar en contacto coa xente para a venda presencial, e ao mesmo tempo aproveitar para desenvolver unha plataforma de venda online e ofrecer outros servizos profesionais como a fotografía ou a programación.

Un ano despois, Librería Pelayo xa é unha librería con clientes fidelizados que ofrece un amplo abano de material de papelería, unha referencia no apartado de Comic Manga en Monforte e un escaparate de produtos comercializados baixo a marca “PeruChela” relacionados basicamente coa artesanía e a decoración.

Rocío Rodríguez ensinándonos o apartado especializado de “Comic e Comic Manga” / XdL
Artesanía “PeruChela” / XdL

Rocío comenta que cómpre ter sempre un trato directo co cliente, non perder a referencia da proximidade pero que hai que apostar polo comercio electrónico. Xa ten en funcionamento a tenda online na que comercializa artesanía, xogos educativos e libros. E como sempre estivo sensibilizada co país e co idioma, intenta ofrecer cada vez máis referencias de literatura en galego e produtos feitos en Galicia.

Marca Rexistrada “PeruChela”

En relación a “PeruChela”, dicir que este alcume de Rocío é xa unha marca rexistrada oficialmente dende hai dous anos. Un distintivo persoal para moita xente que a coñece, e que pouco a pouco busca consolidarse xa como distintivo comercial. Preguntámoslle pola orixe deste nome e contounos a historia: “Como xa sabes é un alcume, como Rocíos hai moitas e Rogríguez tamén, pois adoptei o de PeruChela. A cousa vén de lonxe. En Galicia sempre foi habitual bautizar á xente co nome da casa da aldea, pois ben, un antepasado meu alá polo século XVIII, no Castro de Piño, preguntoulle ao cura se podía axudarlle a buscar un nome para a casa. O cura díxolle que chamándose Pedro, de Pedro ‘Perucho’ e de Perucho a ‘Casa de Peruchela’. E así foi como bautizaron á miña casa e o nome foi transcendendo cos anos ata hoxe”.

ÚLTIMAS

A A.V. do Saviñao pide aumentar as prazas de taxi

A Asociación Veciñal do Saviñao dirixiuse á Alcaldía do Saviñao coa finalidade de trasmitir...

Últimos días para coñecer a exposición Entroido “Mobiliario Vestido”, na casa da cultura de Chantada

A casa da cultura do Concello de Chantada acolle ata o 30 deste mes...

Literatura, foliada e caldo en Saa, na Pobra do Brollón

Este sábado 30 de marzo á tardiña o Concello da Pobrado Brollón e a...