O aceite de Quiroga quere ser produto ecolóxico

Os principais produtores de aceite do municipio e o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, veñen de manter unha xuntanza, na que o alcalde lles informou de que o vindeiro 13 de marzo achegaranse ata Quiroga técnicos do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).

Olivas en avanzado estado de maduración. Foto: XMF

O motivo desta visita, á que están convocados todos os olivicultores da comarca, sexa cal sexa  a súa produción, é informar sobre os trámites e requisitos precisos para poder lucir a etiqueta de “produto ecolóxico” nas botellas de Aceite de Quiroga. Unha etiqueta que garante a calidade dun produto mediante un sistema de produción que busca a súa máxima calidade.

Nestes momentos o aceite de Quiroga desta colleita atópase no proceso de decantación. Pero a súa calidade ben amparada polos numerosos estudos que se levan realizando ata o de agora. O último deles, foi o realizado con mostras da colleita do pasado ano polo departamento de Química Analítica da Universidade de Córdoba, un dos máis prestixiosos do mundo nesta materia, no que foi determinado que se trata dun “aceite de oliva virxe excepcional”, que supera e nalgúns casos chega a triplicar o mínimo de polifenoles esixidos pola Unión Europea para poder usar esta denominación (250 mg/k).

E mentres se traballa coa mirada posta na etiquetaxe de produto ecolóxico segue pendente a concesión da Denominación de Orixe para o Aceite de Quiroga. O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través da Dirección Xeral de Industria Alimentaria, ten que realizar a avaliación do expediente da documentación achegada polo Concello de Quiroga e a Consellería do Medio Rural, para remitila á Unión Europea que é a institución que concede a Denominación de Orixe.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here