Monforte presume de pasado sefardí na casa

Mais dunha trintena de guías profesionais de Galicia visitaron, este 14 de febreiro, Monforte para coñecer a riqueza do seu patrimonio e cultura xudías.

Guías turísticos xornadas Sefarad / Concello de Monforte

A visita enmarcouse dentro do programa de actividades planificadas arredor das xornadas Os Xudeos e Conversos en Galicia: os seus lugares, a súa historia que se celebraron onte en Tui, organizadas pola Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia.

Os profesionais do turismo foron guiados polos lugares máis destacados da xudaría monfortina pola 1ª Tenente de Alcalde do Concello, Gloria Prada, e polo historiador local, Felipe Aira. Ambos, acudiron onte a Tui para dar a coñecer o valor do pasado sefardí de Monforte, tanto dende o punto de vista artístico, coma cultural e patrimonial, valores que supoñen un importante potencial turístico para a cidade.

Unha vez concluída a visita, e antes de retornar a Tui, os visitantes puideron degustar un viño da D.O. Ribeira Sacra no Centro do Viño e foron obsequiados coa guía turística oficial da cidade e cun plano da mesma.

Dende o equipo de goberno de Monforte, valórase moi positivamente este tipo de xornadas divulgativas, nas que tamén participaron as outras dúas cidades con pasado xudeo en Galicia, Tui e Ribadavia. Porque as xornadas permiten dar a coñecer ós profesionais do sector turístico a importante oferta coa que conta a cidade de Monforte a nivel histórico, gastronómico, artístico e cultural, como capital da Ribeira Sacra.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here