Folgoso do Courel Municipio Turístico, e xa son 49

O recoñecemento, aprobado polo Consello da Xunta, busca seguir potenciando o Xeoparque Mundial Montañas do Courel aprobado pola Unesco. O concello beneficiarase de novas axudas públicas e accións de promoción, ao que se suma o Plan de dinamización turística que impulsa o Goberno galego

Folgoso do Courel / serradocourel.es

O Consello da Xunta aprobou este 19 de febreiro a declaración do concello lucense de Folgoso do Courel como novo municipio turístico dentro da súa estratexia de potenciación do rural. Grazas a esta decisión, Folgoso do Courel poderá beneficiarse das axudas públicas deseñadas especialmente para este tipo de municipios, un aspecto que tamén repercutirá positivamente na elaboración dos plans e programas turísticos, nas actividades dirixidas á promoción interior e exterior e ao fomento da imaxe de Galicia.

Esta medida súmase á batería de apoios que o Goberno galego vén dedicando ao desenvolvemento do xeodestino Ancares-Courel, que precisamente foi a comarca da Comunidade na que máis medrou o turismo en 2019, cun incremento do 25 % no número de pernoctacións. Esta cifra rexístrase no mesmo ano en que a Unesco aprobou o Xeoparque Mundial Montañas do Courel, un recoñecemento ao seu patrimonio xeolóxico.

Galicia suma xa 49 municipios turísticos, e é a provincia de Lugo, con 15, a que máis reúne. Séguelle A Coruña, con 13; Pontevedra, con 11; e Ourense, cun total de 10. Esta ferramenta forma parte da estratexia para potenciar o turismo rural, que na última década foi quen de aumentar case un 30 % o número de viaxeiros, ata superar os 228.000.

O Courel / XdL

Entre as axudas ás que Folgoso do Courel poderá optar como municipio turístico atópanse as destinadas á contratación de persoal nas oficinas de turismo. Trátase dunha convocatoria aberta na actualidade e dotada con 450.000 euros, un 50 % máis que en 2019. Grazas a este incremento, será posible ampliar o período de traballo destes profesionais nun mes, desde maio ata setembro e incrementar a contía máxima dispoñible para cada concello.

Neste momento estase a elaborar un Plan de dinamización turística, a través do Centro de Estudos e Investigación Turísticas (Cetur) da Universidade de Santiago, para consolidar o xeoparque como elemento vertebrador, que dea visibilidade e potencie o desenvolvemento local. O obxectivo final é atraer investimentos e diversificar a actividade económica no medio rural, compaxinando a oferta do patrimonio xeolóxico xunto con outros aspectos culturais e turísticos.

 

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here