Creatividade infantil para a Feira do Viño de Amandi

O Concello de Sober convoca un certame de debuxo infantil coa finalidade de difundir esta celebración a partir da creación gañadora.

Debuxo realizado por nenos de Sober (arquivo) / Concello de Sober

O certame está aberto a todos os nenos e todas as nenas con idades comprendidas entre 6 e 12 anos dos centros de ensino da Comarca da Terra de Lemos.

Os debuxos deberán presentarse sobre cartulina, tamaño aproximado DIN A4 e deberán representar o seguinte tema: O cultivo da vide na Ribeira Sacra. Cada autor e autora só poderá presentar un único traballo acompañado dunha folla cos seus datos persoais.

Prazo de entrega, xurado e premio

O prazo de presentación dos traballos rematará o vindeiro 18 de marzo e a entrega realizarase na Biblioteca Pública do Concello de Sober.

O xurado, formado por persoas entendidas na materia, seleccionará un único traballo que será o gañador deste certame e que pasará a ser propiedade do Concello de Sober, que se reserva o dereito de publicación do mesmo.

Haberá un único premio valorado en 150 euros e concederase un accésit de 50 euros ao mellor debuxo de cada colexio participante. A entrega dos premios terá lugar o día 16 de abril, no Centro Sociocultural de Sober ás 12:00 horas.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here