“Espírito guímaro” para dinamizar turística e culturalmente o concello

Representantes do Concello da Pobra do Brollón reuníronse con directivos das Comunidades de Montes e Asociacións de Veciños para poñer en común as políticas culturais e turísticas para o presente ano e buscar vías de colaboración.

A Pobra do Brollón reunión / Concello A Pobra do Brollón

O alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, subliñou na reunión, a importancia de ‘establecer máis relacións entre parroquias e ser un gran pobo unido para saír adiante’. ‘O abandono do rural é un feito’, comentou na reunión, ‘temos que aproveitar as posibilidades que temos; trátase de resistir con espírito guímaro’.

As iniciativas coas que se pretende buscar esa dinamización rural en colaboración coas parroquias son, por exemplo, as Foliadas Guímaras ou as propostas turísticas e patrimoniais: ciclos de andainas, visitas guiadas, e dous proxectos de arqueoloxía en comunidade (o Castro de San Lourenzo e Adegas da Memoria). Todas propostas que se poden ampliar e estender a outras parroquias do concello.

Nos próximos días as asociacións veciñais e comunidades de montes que non puideron asistir recibirán unha carta informativa sobre os temas cubertos na reunión. Solicítase que as directivas que non estean recibindo as cartas contacten co Concello para actualizar os seus datos.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here