Pequena guía de produtos que escasean estes días en tendas e farmacias

Unha volta polos centros comerciais permite deducir cales serían os produtos que desaparecerían en caso de non haber reposición dos mesmos. Produtos de primeira necesidade, de limpeza, hixiene persoal e sanitarios, así como outras mercadorías inesperadas, están desaparecendo dos estantes mentres que outros non minguan tan rápido como os xa sinalados.

Estantes baleiros nun supermercado/GC

“Mire, estamos colapsados, por favor, colla só o necesario, non podemos atender pedidos como o seu”. A caixeira do súper na rúa de San Pedro en Santiago, mantén a calma diante dunha señora maior que teima en levar unha compra moi abundante. Detrás da cliente hai unha fileira de persoas esperando, algúns con resignación e outros chamando para avisar que chegarán tarde porque “hai un atranco na caixa por culpa dunha señora”.

“Desde hai dúas semanas xa nin temos líquido desinfectante nin alcol de 96º nin outros produtos iguais” din nunha farmacia compostelá. A mesma pregunta fai un cliente que entra detrás de nós e pregunta tamén se teñen luvas cirúrxicas. Tampouco.

NO SÚPER

Fariña, pasta, lixivia, desinfectantes, cueiros e papel hixiénico son os produtos que máis se notan en falta. As persoas apuran compras facendo colas en todos os centros comerciais. As grandes superficies comezaron o venres pasado a sentir un aumento da compra de elementos como os destinados a hixiene e protección.

“Isto onte era un deserto” fala un comerciante tamén de Santiago. “Ás sete da mañá xa estaba colocando fruta e non había unha alma na rúa, o centro social de enfrente está pechando, leva así xa uns días”. Efectivamente, as rúas non teñen a mesma cantidade de xente un venres pola mañá.

Mentres tanto, os negocios como ferrallerías e tendas de todo tipo permanecen abertos. Un ultramarinos vendeu a maioría de desinfectantes e lixivias. Os bares seguen abertos aínda que a clientela é menos numerosa que o habitual.

Dentro dos supermercados hai colas diante das seccións de carne e peixe para recoller antes da fin de semana. As persoas con números altos aproveitan mentres para coller outros produtos mentes non lles toque a quenda. Dentro da sección de alimentación hai unha falta destacable de fariña, pasta e legumes envasadas. Nas seccións de produtos de limpeza ademais dos desinfectantes e lixivias faltan luvas dun só uso, literalmente non quedan nalgúns centros comerciais.

Os e as empregadas de superficies comerciais toman con calma tensa a situación. Usan dosificadores de xel hixiénico para as mans cando atenden aos clientes, tampouco faltan os que poñen luvas nas mans. Os pedidos de grande tamaño son atendidos, mais pídenlle á xente que só merquen o necesario.

“Non hai desabastecemento de produtos” din desde o gabinete de prensa de Gadis. “En momentos puntuais pode haber falta dalgún produto, mais será resposto porque non faltan stocks”. Outras superficies comerciais sinalan o mesmo, non hai falta de subministración. Así e todo, esperan que a situación non se complique e piden calma.

Os establecementos popularmente coñecidos como “chinos”, tamén estaban con grande actividade tanto o día 12 como o 13 de marzo. Algún xa anunciaba o peche por seguridade durante dúas semanas.

FARMACIAS

A primeira farmacia á que entramos, a que está perto da casa, non ten unha actividade inusual en comparación con outros días. “Quería pedirvos xel desinfectante para as mans”. A resposta é inmediata, “non temos, acabouse e ata a semana que vén non vai haber”. Outro cliente que vén detrás de nós e que non debeu oír a conversa, pregunta polo mesmo. “Non, non temos, acabouse todo” responde outra das empregadas.

“De momento e se non tes nada, o mellor é lavar as mans con auga e xabón trinta ou corenta segundos” dinos a farmacéutica. “Iso nos dixo o médico que vén moitas veces por aquí, lavar ben as mans e manter as distancias”.

Imos a outra farmacia que está tamén perto da nosa casa. Tampouco aquí hai máis movemento do que é normal, mesmo os clientes habituais falan de maneira animada coas farmacéuticas. “Quería saber se tedes xel desinfectante para as mans”. A resposta parece case automática “non, acabouse, ata o luns non nos chega nada, o que si temos é un líquido para desinfección cirúrxica, pode valerche, mais xel non temos”.

Intentamos noutra farmacia máis lonxe. Preguntamos o mesmo e a resposta é que non hai xel, non hai nin alcol de 96º nin calquera outro líquido que poda facer a mesma función. En tal caso, seguen recomendando a limpeza das mans segundo as recomendacións de Sanidade.

As empresas que fabrican xel desinfectante fan unhas previsións, ao mellor fabrican 5.000 para un mes, e xusto cando chega o coronavirus, esas 5.000 unidades non chegan, hai que fabricar máis” din desde Bidafarma, cooperativa de distribución farmacéutica. A cuestión é que “non existe de momento ningunha alarma sobre desabastecemento, os pedidos estanse repoñendo, o caso é que agora mesmo, e de maneira moi puntual, só faltan algúns produtos moi demandados”.

PRODUTOS MÁIS DEMANDADOS

-Papel hixiénico

-Cueiros

-Produtos de hixiene persoal

-Xabón

-Xel desinfectante

-Alcol 96º

-Toallas limpadoras dun só uso

-Luvas dun só uso

-Lixivia

-Desinfectantes para limpeza

-Alimentación: pasta, fariña, carne, peixe, comida para animais domésticos, auga, bebidas carbonatadas, zumes, leite, legumes e en menor medida, conservas e outros alimentos, sobre todo perecedeiros.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here