Arde un edificio no que había un comercio en Sober, pero non houbo feridos

Ambulancia e camión dos Bombeiros / XdL

Un incendio calcinou este luns de madrugada case por completo un inmoble onde estaba situado un establecemento comercial no concello lucense de Sober, pero non houbo persoas feridas.

Segundo informou o 112 Galicia, sobre as 2,30 horas deste luns varios particulares chamaron ao servizo de emerxencias para alertar dos feitos. En concreto, testemuñas indicaron que se vía saír lume polo tellado dun establecemento comercial na parroquia de San Pedro de Canaval.

De acordo coa información facilitada aos xestores do 112, o local parecía estar ocupado e o teito empezara a derrubarse, sinalaron as mesmas fontes. Por iso, por parte do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia púxose en marcha un dispositivo formado por Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Monforte de Lemos, axentes da Garda Civil e efectivos de Protección Civil de Sober.

Ben entrada a madrugada, os servizos de emerxencia daban por finalizadas as tarefas de extinción e confirmaban que ninguén resultou ferido. Tras refrescar a zona, os equipos de extinción relataron que o inmoble resultou calcinado case por completo e, por sorte, os edificios lindeiros non se viron afectados.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here