O concello de Monforte entrega á Dirección do Hospital Comarcal 50 buzos de protección, destinados ó uso dos sanitarios que tratan ós enfermos actualmente ingresados por COVID-19.
O obxectivo dende o Concello, ó igual que coa entrega a pasada fin de semana de material de protección no Asilo de Anciáns “Fogar de San José” de Monforte, é, en verbas do Alcalde, “contribuír a garantir a seguridade ante esta pandemia do persoal sanitario e de servizos da cidade, que en moitos casos non conta cun abastecemento regular de dito material de protección ou non dispón dos recursos necesarios para conseguilo”.
Na mesma liña, o Equipo de Goberno do Concello está a traballar xa na preparación de EPI’s para entregar ós responsables da empresa FEPAS, encargada de prestar o servizo do Concello de axuda a domicilio para persoas dependentes.
Esta iniciativa púxose en marcha dende o Concello de Monforte, logo de coñecer que as empregadas de dita empresa carecían de elementos de protección individual suficientes ante o coronavirus, equipos necesarios para desempeñar a súa labor axeitadamente, e tendo en conta ademais que traballan con persoas de alto risco á hora de poder contraer e padecer esta enfermidade.
José Tomé Roca, insistiu en que “o Equipo de Goberno deste Concello traballa día a día para seguir detectando as necesidades dos diferentes colectivos da cidade que están a desenvolver a súa actividade en contacto co COVID-19”.
“Dende o Concello de Monforte”, concluíu o Alcalde, “poñémonos a disposición do resto de Administracións para traballar conxuntamente co obxectivo de superar esta crise sanitaria.”