Os carteiros, en primeira liña: “Tes medo porque estás seguido furando corentenas dunha casa para outra”

O persoal de Correos é o colectivo con máis contaxios rexistrados por coronavirus só por detrás de sanidade. Séntense expostos, traballan con medo e dubidan que o servizo que desenvolven sexa esencial. "Auméntannos a carga de traballo segundo aumenta a perigosidade", denuncian.

Unha carteira de Correos percorrendo unha rúa | EFE
Os sindicatos – tanto CC.OO. como UGT e CIG – levan todo este tempo advertindo da desprotección dos traballadores de Correos, cuxa dirección vén de recoñecer que se “extralimitou” na actividade “máis alá do imprescindible” neste contexto de crise sanitaria. A día de hoxe, o colectivo de carteiros é o que suma un maior número de positivos pola Covid-19 só por detrás da sanidade. Xa que logo, a metade da terceira semana do estado de alarma, Correos sitúase xa como a empresa pública con máis contaxios: un total de 731 e 2.022 corentenas no persoal no conxunto do Estado.
Ves que todos os días estás furando corentenas, es un vaso comunicante entre todas as persoas que están illadas en células de protección -as casas- que ti vas rompendo”, explica Xosé Iglesias, un carteiro de reparto ordinario de Santiago de Compostela. “Tes medo polos posibles contaxios que lles poidas ocasionar a eles e polo que poidas levar ti para casa”. Tamén no eido rural o colectivo se sente desprotexido. Mari Carmen Sánchez, carteira en Palas de Rei, denuncia dende o outro lado do teléfono que a empresa antepón o negocio á saúde do persoal e que carecen de protocolos específicos para evitar os posibles contaxios.

SON OS CARTEIROS SERVIZO ESENCIAL?

Esta é a primeira dúbida que asalta ao persoal empregado en Correos, que observa como “a medida que aumenta a perigosidade aumenta tamén a carga de traballo”. Tanto Xosé coma Mari Carmen explican que a meirande parte dos documentos que están repartindo polas casas non son imprescindibles neste momento. “Extractos bancarios, de Gas Natural, de Telefónica, incluso impostos municipais dos coches que a estas alturas xa se adiaron… Entón dis: realmente é esencial isto que estou facendo?”, pregúntase Xosé Iglesias.
Dende os sindicatos esixen a Correos que cumpra co Real Decreto aprobado polo Goberno central e restrinxa a actividade á “exclusiva” prestación do servizo postal universal e á distribución de produtos esenciais e de primeira necesidade á cidadanía. Lonxe diso, os traballadores denuncian que a medida que a situación sanitaria empeora, eles vense con máis traballo ás costas. “Primeiro só deixabamos os certificados nos buzóns, pero agora entrounos a orde de que había que sacar tamén notificacións“, relata Mari Carmen.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here