A Xunta desinfecta a contorna dos centros de saúde do sur de Lugo

A Xunta de Galicia leva realizadas 110 actuacións de desinfección nos exteriores dos centros de saúde e residenciais das comarcas de Terra de Lemos, Quiroga e Chantada, e 120 actuacións de desinfección nos exteriores dos centros de saúde e residenciais dos sete concellos da comarca de Sarria.

MR desinfección / Consellería Medio Rural

O obxectivo destes traballos é contribuír a incrementar a seguridade da poboación máis vulnerable fronte ao coronavirus. Cando se cumpre a sexta semana dende que comezaron as tarefas de limpeza, o delegado territorial, José Manuel Balseiro, quixo destacar o gran labor que están a desenvolver “dende o primeiro momento” os integrantes do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural, levando a cabo “un traballo fundamental para axudar á contención do virus nos concellos de menor poboación”.

Balseiro mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia cos xefes de brigadas dos distritos da provincia (Terra Chá, Lugo-Sarria, A Mariña, Fonsagrada-Ancares e Terra de Lemos), na que agradeceu este traballo que realizan de xeito voluntario preto dun centenar de profesionais.

Desinfección reunión / Delegación Territorial

En xeral, interveñen nos concellos de menos de 5.000  habitantes e limpan tamén outros espazos públicos especialmente sensibles, como  beirarrúas ou as zonas establecidas para a recollida do lixo. Están a realizar os labores de desinfección todos os días, incluídos fins de semana e festivos, durante as súas quendas de traballo.

Entre os preto dun cento de integrantes deste servizo voluntario atopamos todo tipo de perfís: axentes e peóns forestais, bombeiros forestais, condutores de motobombas, integrantes das brigadas helitransportadas,… de entre os 400 homes e mulleres que hoxe forman parte do Servizo de de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Consellería do Medio Rural na provincia de Lugo.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here