“Ter unha terraza grande axudaranos moito”, Héctor Sánchez, hostaleiro

En Sarria poden presumir de ter unha das terrazas máis grandes do sur de Lugo, O’ Meigallo, na área recreativa do Chanto. Todo un privilexio nos tempos que corren de cara a poder optimizar gastos no sector da hostalería. Falamos cun dos seus xerentes.

Actuación de Touriñán na Terraza O' Meigallo (2019). Foto: Héctor Sánchez. Foto de arquivo.

Héctor Sánchez e Pablo Yebra fixéronse cargo do establecemento O’ Meigallo en Sarria hai tres anos, e este verán cumprirán o cuarto ao fronte do mesmo. Trátase dun negocio que aproveita a tempada de verán sacándolle partido á extensa terraza e a un escenario a xeito de anfiteatro que dá moito xogo para facer actuacións en directo.

A tempada empeza en xuño e remata en setembro, e tal como nos conta Héctor Sánchez, “os tres anos anteriores foron moi bos, dependemos moito do tempo pero temos a sorte de estar preto das piscinas que axuda e das actuacións en directo que estes anos funcionaron moi ben”. O primeiro ano que colleron a xerencia programaron música e os seguintes apostaron polos monólogos, sendo o ano pasado o máis espectacular de todos. Polo escenario do Meigallo pasaron nada máis e nada menos que Luis Piedrahita, Carlos Blanco e Touriñán. Cheo ata a bandeira nas tres actuacións, e con Touriñán venderon unhas 450 entradas.

Polo escenario do Meigallo pasaron nada máis e nada menos que Luis Piedrahita, Carlos Blanco e Touriñán

Aínda que abren en xuño, a organización de eventos trabállana antes, de feito tiñan xa pechada unha data con Touriñán para este verán e xa a dan por perdida. O tema dos monólogos para este ano non o desbotan de todo pero esperan saber con máis detalle as condicións que se van poñer para actuacións ao aire libre e valorar traer artistas que compensen en caché para as limitacións de aforo que se establezan.

Este ano tamén coincide que se cumpre o 50 Aniversario da “Noite Meiga” que organiza cada ano a Asociación Cultural Meigas e Trasgos de Sarria. “Estaba previsto facer un eventazo, agora igual se fai algo pero xa non será o mesmo”. Outra opción de cheo e festa total que vai perder este verán O’ Meigallo.

Pablo Yebra, Guá (Pte A.C. Meigas e Trasgos) e Héctor Sánchez co cartel da “Noite Meiga 2018”. Foto: H.S.

Daquela, non desbotando totalmente a organización de actuacións en directo para aproveitar o marxe de aforo e o escenario, Héctor comenta que valorarán o comentado dos monólogos e tirar tamén pola música, “algo esperamos facer, pero este ano iremos sobre a marcha…”.

“Cumprindo as medidas de seguridade calculamos que poden entrar máis de cen persoas”, afirma Sánchez

Á marxe das limitacións que comentamos, a gran avantaxe que teñen neste momento é a amplitude de terraza, todo un privilexio nestes momentos para o sector da hostalería. Sen medo a esaxerar, trátase dunha das terrazas máis grande do sur de Lugo. “Cumprindo as medidas de seguridade calculamos que poden entrar máis de cen persoas”, afirma Sánchez. E engade “visto o horizonte respecto das terrazas, vémolo con boas expectativas”.

Xente tomando algo na terraza. Foto: O’ Meigallo

A tempada normal para eles empeza en xuño, momento no que os espazos abertos daranlle algo de alivio ao sector da hostalería, e aqueles negocios que teñan máis espazo, terán máis posibilidades de optimizar custes e saír adiante.

Xunto co servizo de bar habitual reforzarán o de tapas, racións e hamburguesas; e para o entretemento disporán de futbolín e mesa de ping-pong, coa previsión tamén de repetir torneos nestas dúas modalidades.

“Contamos con abrir o 1 de xuño e esperamos poder facer algún evento para unha apertura reducida, familiar”

Nestes momentos están organizando todo. Limpeza a fondo, retoques funcionais e estéticos, están ampliando a cociña e teñen moito traballo de xardín porque “está todo a monte”. “Contamos con abrir o 1 de xuño e esperamos poder facer algún evento para unha apertura reducida, familiar”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here