Esta obra saíu a licitación o pasado 12 de febreiro de 2020, cun prezo de licitación de 229.782,61 euros (IVE incluído). Foron 28 as ofertas que se presentaron a concurso, sendo finalmente adxudicada a obra á empresa Activa Parques y Jardines S.L., toda vez que presentou correctamente a documentación que lle foi requirida.
O proxecto de acondicionamento dun espazo público no parque do Cobas foi elaborado pola empresa monfortina Abante e nel descríbense as obras e actuacións necesarias para o acondicionamento de dita zona, situada a carón do río Cabe e da lagoa da Pinguela. Este proxecto concebiuse como continuación deste parque, que foi acondicionado por varios obradoiros de emprego, e preténdese, coas novas actuacións proxectadas, rematar as actuacións neste parque.
Para levar a cabo o financiamento destas obras, o Concello asinou un convenio coa Deputación Provincial de Lugo o pasado 3 de decembro de 2019, en virtude do cal o ente provincial asumirá o custe das obras, mentres que o Concello aboará os 4.840 euros correspondentes á redacción do proxecto e a dirección de obra.
O prazo de execución das obras, unha vez adxudicadas e dende a sinatura da acta de replanteo, é de 5 meses.
O Alcalde salientou que “coa adxudicación desta obra de mellora e acondicionamento do Parque de Cobas poderemos dar inicio ós traballos de posta en valor dunha zona de case dúas hectáreas ubicada no medio dos barrios de Cobas e A Pinguela, dotándoa dunha senda peonil, alumeado, novas árbores e mobiliario urbano, que mellorará a calidade de vida e o benestar de todos os monfortinos e monfortinas”.
A empresa adxudicataria ofreceu como mellora a ampliación nun ano do prazo de garantía, avalada cunha póliza a todo risco, polo que durante os 2 vindeiros anos a obra contará cunha garantía asumida pola empresa. Este aspecto é relevante especialmente no que atinxe á plantación de árbores e céspede, xa que durante ese período de 2 anos será a empresa adxudicataria a que asumirá os custes de resementado de céspede ou de reposición de árbores, no caso en que se produza o secado destes elementos.