O mildiu ameaza a colleita na Ribeira Sacra

A climatoloxía que se rexistrou na comarca durante os últimos días provocou un “caldo de cultivo perfecto” para a proliferación de fungos como o mildiu nas viñas da Ribeira Sacra.

Ribeira Sacra paisaxe / XdL

O tempo extremadamente caloroso favorece a proliferación de fungos como o mildiu, que xa afectou a un número importante de viñas no territorio amparado pola Denominación de Orixe Ribeira Sacra e ameaza con provocar unha “baixa importante” na colleita deste ano.

O Presidente do Consello Regulador Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, explicou que “esta calor nunha época do ano na que non é habitual” está a provocar que mesmo as “noites sexan cálidas” e haxa “unhas orballadas grandes” polas mañás, o que é un “caldo de cultivo perfecto para fungos como o mildiu”.

Como consecuencia desas condicións climáticas, xa houbo “ataques importantes” deste fungo en varias zonas da denominación de orixe. Ademais, as variedades preferentes “son máis sensibles”, o que obriga aos viticultores para “tratalo aos poucos” e, aínda así, “ameaza con provocar unha baixa importante” na colleita deste ano.

“Cando chegas ás viñas pola mañá, as cepas están empapadas, coma se chovese, por mor da evaporación, e ese é un ambiente idílico para fungos como o mildiu”, precisou. Rodríguez tamén aclarou que non todas as subzonas da denominación están afectadas de igual modo, dado que “a afectación é menor nos lugares máis secos, con maior pendente e circulación do aire, e máis intensa en lugares con maior humidade”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here