Iniciosociedade“Teño reservas, pero non é para tirar foguetes”, Ramiro da casa de...

“Teño reservas, pero non é para tirar foguetes”, Ramiro da casa de turismo ‘O Verxel’

Disque o ‘postcovid’ estalle dando un novo pulo ao turismo rural e as previsións indican que esta tempada verán-outono pode haber unha boa ocupación. Falamos con Ramiro Álvarez, que rexenta xunto con Pilar un aloxamento en Vilar do Mato, no Concello de Ribas de Sil.

Publicado o

- Advertisement -

Ramiro e Pilar abriron as portas da casa de turismo ‘O Verxel’ no ano 2009, en plena crise, e a día de hoxe seguen con ela. Está situada no lugar de Vilar do Mato e a uns 5 quilómetros de San Clodio, capitalidade do Concello de Ribas de Sil. Un lugar moi tranquilo, ideal para desconectar, en pleno Xeoparque Montañas do Courel e con grandes atractivos na contorna. Entre eles, a zona recreativa da Praia Fluvial de San Clodio, o Courel, Terras de Trives, Manzaneda e a Ribeira Sacra.

Casa de turismo rural ‘O Verxel’. Foto: Ramiro A.

Trátase dunha casa familiar que se aluga completa e non por habitacións, sendo a súa clientela habitual familias e grupos de amigos/as. Empezaba a animarse o tema das reservas os primeiros meses do ano pero foi chegar o estado de alarma e empezaron a caer. Chamamos a Ramiro e pillámolo desbrozando. Dinos que vai ducharse e xa nos atende tranquilamente para contestar unhas preguntas.

Como se presentaba o ano antes da chegada do coronavirus?

Ben. Tiñamos reservas para Semana Santa e algunha xa para o verán pero caeron todas a feito. Veu esta crise e varreu todo. Bueno, temos unha para setembro duns alemáns que foi a única que non se cancelou.

“Teño reservas pero non é para tirar foguetes”

Cando abristes e como están indo agora as reservas?

Pois abrimos hai pouco, dende que nos permitiu a administración. Teño reservas pero non é para tirar foguetes. Para xullo e para agosto temos algunhas. Veremos como evoluciona a cousa.

A xente que chama confirma ou dálle voltas antes de pechar a reserva?

Chamadas estamos tendo, pero hai moitas ‘de curioseo’.

Unha avantaxe alugar unha casa de cara ás medidas sanitarias actuais, non?

Si, eu entrego as chaves aos clientes e xa é como unha vivenda deles. Ao alugar a casa completa non temos problemas de zonas comúns. A verdade que é unha comodidade nese sentido. Se tivese a casa alugada por habitacións con xente descoñecida en cada unha habería máis traballo e problemas.

Zona exterior da casa. Foto: R. A.
Viñedo a carón da casa en outono. Foto: R. A.

Que atractivos ten a contorna da casa?

Pensa que estamos en pleno Xeoparque Mundial da Unesco, o Xeoparque Montañas do Courel. E preto de aquí os Canóns do Sil, Terras de Trives, Manzaneda, e os atractivos de Ribas de Sil… rutas de sendeirismo, minas romanas ou a propia zona recreativa da Praia Fluvial de San Clodio.

“Se se abre unha botella de viño para compartir cos da casa pois tómase no exterior e mantendo as distancias”

Como anfitrión es dos que entrega as chaves e desaparece ou interaccionas cos inquilinos/as?

Eu son máis de contacto, de roce social e de tomar un piscolabis coa xente que está na casa (risas).

E agora tamén?

Seguindo as normas de seguridade sanitaria, claro. Se se abre unha botella de viño para compartir cos da casa pois tómase no exterior e mantendo as distancias.

Cónstanos que no Concello de Ribas de Sil non se deron casos de Covid19, iso supoño que pode ser un atractivo.

Pode axudar, claro.

Notades que repite moita xente?

Algúns si. Para xullo temos uns que nos dixeron que estiveran xa aquí hai dous anos, e tamén temos uns sevillanos que viñeron o ano pasado.

“O trato con Bernardino era xenial, eu falaba con el frecuentemente, era como da familia para nós”

En abril morreu Bernardino Lombao, orixinario de Ribas de Sil e gran amigo voso. Tiñades moita relación, verdade?

Moita. Era da Mouriza, entre San Pedro e O Salto, e ao non ter casa aloxábase aquí. Viña ao Verxel dúas ou tres veces ao ano, e unha vez ao ano tiña por costume reunir aquí á familia. O trato con Bernardino era xenial, eu falaba con el frecuentemente, era como da familia para nós… Morreu desexando estar aquí, era como a súa segunda casa.

Ramiro Álvarez. Foto: P.B.

ÚLTIMAS

A escritora quiroguesa Celia Díaz estará na ‘Diada de San Jordi’

Celia Díaz chega a Barcelona para vivir a experiencia de dar a coñecer as...

Completa fin de semana do Quixós en Portugal

O sábado 20 de abril competían en augas portuguesas, na II Copa Promoción Slalom,...

“A nai que me pariu!” campaña do CCU de Sarria polo Día da Nai

¡A nai que me pariu! é o nome da campaña do Centro Comercial Urbano de...

24 anos da Mostra do Aceite de Quiroga

Esta feira gastronómica, a única da provincia nesta categoría contou esta fin de semana...