A Pobra do Brollón celebra o campo de voluntariado do Castro de San Lourenzo

O campo de voluntariado, que ten prazo aberto para inscribirse, terá lugar do 2 ao 13 de agosto e está aberto a persoas mozas residentes en Galicia entre 18 e 30 anos. O número máximo de participantes son 12.

Campo de traballo no Castro de San Lourenzo. Foto: Concello da Pobra do Brollón

Coa confirmación por parte da Consellería de Xuventude da realización dos campos de voluntariado en Galicia, o Concello da Pobra do Brollón anuncia a continuidade do campo no Castro de San Lourenzo, situado en Cereixa.
“Entendemos que se a Xunta dá luz verde aos campos de voluntariado é porque se dan as condicións. Nós estabamos preparados a nivel municipal e alégranos moito poder continuar con estes traballos que repercuten na economía e na comunidade local,” comenta Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón.


Un campo arqueolóxico


Os participantes poderán coñecer de primeira man o proceso de escavación dunha necrópole medieval, sector onde se centrarán os traballos este ano e no que apareceu o famoso Atilano, un esqueleto en moi bo estado de conservación atopado na campaña de 2018.

Restos campañas anteriores / Memoria técnica do equipo arqueolóxico


“Trátase dunha das necrópoles medievais mellor conservadas e estudadas de Galicia polo que é unha oportunidade para os participantes de recibir unha formación pouco habitual,” comenta Xurxo Ayán, director arqueolóxico do proxecto.
Os traballos arqueolóxicos véñense realizando dende 2016 e en sucesivas campañas, o castro de Cereixa converteuse nun referente internacional da arqueoloxía en comunidade. Ademais da arqueoloxía, na organización do campo perséguese a implicación dos participantes co proxecto e cos veciños.

Un campo con medidas excepcionais 

Este ano só participarán voluntarios residentes en Galicia, fronte o carácter internacional doutros anos. Asemade, o número máximo establécese en 12, en troques de 20 como en edicións anteriores. Por outra banda, existe un protocolo de seguridade marcado polo distanciamento, hixiene e uso de máscara. “Trátase de equilibrar a precaución coa necesidade de dar continuidade aos proxectos que incentivan a economía local,” comenta Maceda. As persoas interesadas en participar poden atopar máis información e inscribirse en xuventude.net

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here