Xullo de coñece o teu concello e axudas ARI en Sober

O concello de Sober celebra a IV edición do Campamento de verán ‘Coñece o teu Concello", do 1 ao 30 de xullo, os martes, mércores e xoves de 10:30 a 13:30 horas. E a conselleira de Vivenda, Ángeles Vázquez, anuncia nunha visita a Sober, que Diario Oficial de Galicia publicará este xoves, 2 de xullo, as bases reguladoras das axudas para financiar actuacións de recuperación nas vivendas situadas dentro da Área de Rehabilitación Integral (ARI) da Ribeira Sacra.

Coñece o teu concello / Concello de Sober

Este ano o Concello de Sober decidiu facer algúns cambios con respecto ás edicións anteriores para cumprir coa normativa sanitaria que debe aplicarse para combater a covid-19. Así, o número de prazas ofertadas é de 6 cada semana. A actividade destínase a nenos de 4 a 12 anos e tendo prioridade as familias empadroadas no Concello de Sober.

O alcalde, Luis Fernández Guitián, explica que este campamento “levarase a cabo, sempre que as autoridades competentes o permitan, adaptándonos as novas medidas de seguridade e hixiene e seguindo os protocolos necesarios para crear un entorno totalmente controlado e seguro”. Anima aos nenos e nenas a participar e precisa que a súa organización contribuirá tamén á conciliación familiar.

Axudas ARI

O Diario Oficial de Galicia publicará este xoves, 2 de xullo, as bases reguladoras das axudas para financiar actuacións de recuperación nas vivendas situadas dentro da Área de Rehabilitación Integral (ARI) da Ribeira Sacra. Así o indicou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita a Sober, un dos 25 concellos que integran o ámbito de actuación desta nova ARI.

A dotación inicialmente prevista ascende a 850.000 euros, uns fondos que se destinarán a financiar actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios localizados dentro da ARI. A responsable de Medio Ambiente visitou unha das tres vivendas propiedade do Concello que foron restauradas nos últimos anos con cargo ás axudas do Programa de vivendas de mestres e outros oficios de 2018. A Consellería realizou un investimento final de 92.200 euros na rehabilitación destes tres inmobles, que se adxudicarán en réxime de vivenda protexida.

Conselleira de vivenda visita Sober

Do mesmo xeito, Ángeles Vázquez indicou que acaba de concedérselle ao Concello de Sober dúas novas axudas con cargo á convocatoria 2020 do programa de vivendas de mestres, o que lle permitirá investir máis de 116.000 euros na restauración de dous inmobles no Lugar de Vilarmaior e doutro máis na rúa Comercio.

Tamén se visitou unha parcela localizada no Camiño do Palacio, en pleno núcleo urbano, na que está prevista a construción de tres vivendas de promoción pública. Cun orzamento estimado de preto de medio millón de euros, o contrato para a redacción do proxecto e a execución da obra foi adxudicado o ano pasado e nestes momentos o seu inicio tan só está pendente da licenza municipal.

O prazo de execución previsto para as obras destas vivendas unifamiliares é de oito meses e unha vez estean rematadas, as tres vivendas unifamiliares incorporaranse ao parque público residencial do Concello de Sober para ser adxudicadas entre as persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here